A N-640 na Rocha e a PO-841 en Toedo revélanse como puntos negros locais

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

Na nacional houbo polo menos trece accidentes de entidade no 2017 e no viario A Estrada-Pontevea foron nove

17 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Segundo despréndese do balance anual de asistencia en accidentes de tráfico do grupo de Emerxencias A Estrada, a N-640 e a PO-841 son os dous principais puntos de sinistralidade do Concello estradense. Ambos os viarios -que tamén son os máis transitados- concentraron no 2017 o 40% dos accidentes de tráfico atendidos polo servizo local de Emerxencias. Das 54 intervencións realizadas polo equipo, 22 foron nalgún destes dous viarios.

A N-640 situouse á cabeza do ránking de sinistralidade, con trece accidentes. Máis da metade tiveron lugar no tramo da Rocha, no límite co municipio de Silleda. Concretamente, seis dos sinistros -algún deles mortal- tiveron lugar entre os puntos quilométricos 190 e 203. E tres deles rexistráronse exactamente no mesmo punto, á altura do quilómetro 193.

Pola súa banda, a Avenida Benito Vigo -o tramo urbano da N-640- tamén rexistrou cinco accidentes durante o 2017.

Outrora, na zona da Rocha, o tramo de curvas e o pavimento deslizante, provocaban unha sinistralidade aínda maior. Coa substitución do firme por outro antiescorregadizo, os accidentes foron a menos, pero a zona mantense aínda como un dos principais puntos negros do municipio.

Outro viario con notable rexistro de accidentes é a estrada autonómica PO-841 A Estrada-Pontevea, onde Emerxencias atendeu no 2017 nove accidentes de tráfico. Cinco deles tiveron lugar na zona de Toedo, outra das destacadas en canto a sinistralidade.

Loimil e centro urbano

Polo demais, destacan catro accidentes en Loimil e Arnois. No centro urbano contabilizáronse dous en Fernando Conde, dous en Iryda, un en Calvo Sotelo e un en Antón Losada.

Faltan efectivos para chegar a todo

O balance hase realizado en base ás actuacións de Emerxencias A Estrada. O grupo adoita actuar en accidentes con feridos ou que requiran limpeza de calzada. Por falta de persoal, é incapaz de chegar a todos os accidentes e debe priorizar. O servizo funciona con tres grupos de catro efectivos por quenda e dúas de tres. No entanto, en vacacións ou con xente de baixa, as quendas habituais son de tres persoas. Se dous saen a facer un servizo, o que queda pouco poderá facer se xorde algo. O grupo reivindica polo menos catro presentas por quenda.