O estradensismo despois de Varela

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

rober amado

Fillos e Amigos celebrou a súa primeira xuntanza tras a morte da súa alma mater e «presidente perpetuo»

17 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Asociación Fillos e Amigos da Estrada deu onte o pistoletazo de saída das festas de San Paio cunha xornada agridoce. A celebración anual do estradensismo contaba esta vez cun contrapunto triste pola perda do fundador e presidente vitalicio do colectivo, Alfonso Varela Durán, que faleceu en novembro do ano pasado. A de onte foi a primeira xuntanza sen a alma mater do colectivo, que quixo dedicar a xornada á súa expresidente e renderlle homenaxe coa concesión, a título póstumo, da placa da asociación.

O encontro seguiu o esquema habitual, con concentración na Praza do Concello, ofrenda floral nos xardíns ante o monólito dedicado a Marcial Valladares e recepción aos homenaxeados no salón de plenos do consistorio, onde o edil Alberto Blanco exerceu de mestre de cerimonias. O presidente en funcións do colectivo, Ramiro Varela, puxo ao voz ao sentimento xeral de «ledicia empañada de dor» pola morte do «presidente perpetuo dá asociación». «Non pretendemos sustituilo, só encher o oco que deixou», dixo.

Acto seguido houbo misa na igrexa parroquial oficiada polo sacerdote José Ignacio Varela por todos os estradenses falecidos. Despois, cea de confraternidade no restaurante Samaná. Nela fíxose entrega das insignias de ouro de Fillos e Amigos da Estrada a distintas personalidades vinculadas ao municipio. Os distinguidos este ano foron o sacerdote estradense José Antonio Ortigueira, o empresario Ramiro Carregal (Frinsa), que de mozo viña coa súa familia a tomar os aires da montaña á Estrada e a avogada arxentina María del Carmen Besteiro, filla de emigrantes de Loimil.

A placa de recoñecemento do colectivo foi para a Banda de Música Municipal da Estrada, que o próximo ano cumprirá século e medio de vida, e para Alfonso Varela Durán.