No primeiro trimestre do ano producíronse quince denuncias por violencia de xénero na zona

La Voz

A Estrada

No mesmo período do 2017 tramitáronse 29 casos

16 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Nos xulgados de Lalín e A Estrada rexistráronse durante o primeiro trimestre do ano un total de quince denuncias por violencia de xénero. A cifra dada a coñecer onte polo Consello Xeral do Poder Xudicial supón unha significativa redución respecto da do mesmo período do 2017, cando foron 29 os casos tramitados. A maioría corresponderon á sede xudicial lalinense, con catorce, por tan só un na estradense.

O informe recolle que das catorce mulleres vítimas de violencia de xénero en Lalín, doce eran españolas e dúas estranxeiras. En todos os casos chegaron ao xulgado tras a presentación de denuncia. No único caso correspondente á Estrada, a denuncia foi presentada por un familiar e non directamente pola vítima.

Ademais recóllense outros datos relativos á relación da vítima co seu presunto agresor, constatándose que en Lalín a maioría corresponderon a exparellas mentres na Estrada foi con aínda a relación afectiva en marcha. E respecto das que acabaron axuizadas, en Lalín foron tres homes, todos eles españois, tal como recolle o citado informe do Consello Xeral do Poder Xudicial divulgado onte.