Revisan a norma que impedía construír na Estrada a menos de 15 metros de vías da Xunta

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

A lexislación vixente impedía construír casas nin peches no 90% das parcelas de núcleos rurais

13 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A lei autonómica de estradas e o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da Estrada contradicíanse ata agora na delimitación da distancia mínima obrigatoria entre unha construción en núcleo rural e unha estrada de titularidade autonómica. O PXOM -avalado polos informes da Xunta- fixa o límite de edificación nos núcleos a oito metros das estradas autonómicas, calculados desde a aresta exterior da estrada. A normativa galega, en cambio, obriga a retranquear o peche 15 metros. Ao tratarse dunha lei de rango superior, á hora de conceder licenzas, o Concello estaba obrigado a facer prevalecer a norma autonómica. Segundo explica o alcalde estradense, José López, na práctica isto significaba que o 90 % das parcelas dos núcleos rurais convertíanse en inedificables pola necesidade de gardar 15 metros de separación respecto da estrada autonómica e outros tres respecto ao lindero posterior e os laterais. «Para poder edificar necesitábase como mínimo unha parcela con 30 metros de fondo», calcula López.

Réxime especial

Por esta razón, o Concello da Estrada, o de Cerdedo e outros en situacións parecidas solicitaron acollerse a un réxime especial de tramos urbanos para chans de núcleo rural que acaba de ver a luz.

A resolución -publicada no Diario Oficial de Galicia do luns- entrará en vigor xa. Desta forma, a distancia de construción válida serán os oito metros fixados polo PXOM. No caso dos peches, os completamente diáfanos -sobre piquetes sen cimentación de obra de fábrica- para aproveitamento agrícola ou gandeiro acreditado poderán situarse no bordo da parcela. Pola súa banda, os peches diáfanos, con cimentación de obra de fábrica que non sobresaian máis de corenta centímetros en ningún punto da rasante do terreo poderán situarse a oito metros da estrada. O resto de peches non diáfanos ou de obra de fábrica tamén terán que manterse polo menos á mesma distancia da estrada que a aliñación da edificación.

Segundo o alcalde estradense, esta reforma permitirá conceder licenza a un puñado de proxectos de peches -e algún de edificacións- que ata o momento resultaban inviables.