Catro medallas para o Bádminton A Estrada no nacional sub 19, con histórica final feminina

p. v. / j. b. A Estrada / LA VOZ

A Estrada

cedida

24 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Fazaña dos deportistas do Club Bádminton A Estrada no Campionato de España en categoría sub 19 disputado ata o domingo en Granollers. Viaxaron tres e, sos e en equipo, colgáronse catro medallas. Pero non calquera metal. Os cadros propiciaron mostrar o poderío do equipo estradense chegando cada unha polo seu á final individual feminina: Elena Andreu e Ana Carbón.

O domingo só faltaba saber como se repartían os metais máis nobres. levou Elena Andreu o ouro nesta loita fratricida, pero tamén extraordinaria para as deportistas e para o club, que venceu a Ana Carbón, que logrou a prata, por 9-21 e 10-21. Pero as dúas deportistas estradenses non se conformaron co éxito individual. Competiron en dobres e fixéronse coa medalla de bronce.

A presenza estradense no campionato tamén contaba no capítulo masculino. Non tivo fortuna para entrar en semifinais, en individuais, Miguel Sanluis. Pero non veu sen carga. Xogou os dobres co galego Enrique Rodríguez e conseguiron facerse cun espléndido bronce. Catro medallas e desa calidade supoñen unha extraordinaria colleita na presenza do Bádminton A Estrada en Granollers. Pero ademais do título nacional, Elena Andreu logrou xa de forma directa a súa inclusión no equipo que representará a España no Mundial a disputar en Toronto (Canadá) que terá lugar en novembro.

Éxitos no galego sub 13

Pero os éxitos para o club estradense continuaron nun ámbito máis doméstico. No campionato galego sub 13 cultivaron os seus deportistas ata nove metais, nun torneo disputado o domingo en Vigo. Destacou o ouro de Rodrigo Sanjurjo en dobres mixtos, xunto a Sofía Álvarez das Neves, ademais dun bronce en categoría individual. Tamén houbo ouro para Clara Lamiño e Arancha Santas en dobre feminino, ao que se sumou a prata da dupla integrada polas irmás Ana e María Carbia, con bronce para Zaira Baliña e Sara Conde, así como para Iziar Barcala, no seu caso xunto á pontevedresa Lea Illán.

En dobres masculinos houbo bronce para a parella Bruno Mato-Manuel Míguez, así como outro terceiro posto para Pedro Rey e Rubén Comeron. Ademais do ouro en dobres, Clara Lamiño sumou un bronce en individual.