Máis de vinte nenos quedarán en espera na gardería municipal

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

Os alumnos terán opción de lograr praza na da Xunta

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A escola infantil municipal da Estrada volveu a quedar pequena para atender as demandas de praza para o próximo curso. O problema volve facerse notar no tramo de 1 a 2 anos, no que só hai cinco prazas libres -o resto ocuparanas os alumnos que continúan estudos- e rexistráronse 32 solicitudes. Delas, 27 piden a quenda de mañá e o resto o de tarde ou xornada completa. Desta forma, máis dunha vintena de nenos de 1 a 2 anos quedarán en lista de espera para a quenda de mañá.

No entanto, a construción da segunda escola infantil da Estrada -xestionada pola Xunta dentro da rede A Galiña Azul- permitirá este ano liquidar o problema ao ofrecer prazas adicionais neste tramo que garantirán que os pequenos teñan praza nun ou outro centro.

No resto dos tramos de idade non existe problema de prazas na gardería municipal. De 0 a 1 ano hai solicitudes para cubrir en horario de mañá 9 das 16 prazas dispoñibles. De 2 a 3, hai 17 solicitudes e 22 prazas.

A listaxe de solicitantes pódese consultar na web municipal. O 9 de maio publicarase a relación provisional de admitidos tanto nunha escola infantil como na outra.