A ausencia de axudas do PIVE apenas reduce as matriculacións

Javier Benito
Javier Benito LALÍN / LA VOZ

A Estrada

ALBERTO LÓPEZ

En Deza e Tabeirós-Montes só se baixou de 584 a 575 altas novas de xaneiro a agosto

23 sep 2017 . Actualizado ás 22:40 h.

A conclusión do plan PIVE en xullo do 2016, que acadaba a súa oitava edición con incentivos do Goberno central para a compra de coches, auguraba unha posible retardación no número de novas matriculacións. Pero esa ausencia de axudas estatais parece compensarse coa lixeira melloría da economía do noso país, onde está repuntando os gastos en consumo e tamén en bens considerados en ocasións de luxo como son os vehículos. En Deza e Tabeirós-Terra de Montes tan só se produciu unha lixeira caída na comparativa entre os oito primeiros meses do 2016 e os do 2017, tras facerse públicos esta semana os do pasado agosto.

Nas comarcas matriculáronse o pasado ano 584 turismos ata o peche de agosto, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), mentres que neste 2017 son 575 nese mesmo período. Xa que logo son apenas nove coches menos, que supoñen un descenso meramente simbólico que nin chega ao 2 %. Mesmo se dá a anécdota de que o pasado agosto houbo os mesmo vehículos matriculados, 87, que o mesmo mes do 2016. Iso si, en ambos xa non había incentivos do Goberno central á compra. En cambio, a comparativa de xullo -o pasado exercicio si había axudas- guinda unha caída máis significativa, con dez vehículos, ao baixar de 78 a 68 na zona.

Á marxe da comparativa sobre a marcha das matriculacións nos dous últimos anos, si se constata que agosto é un dos meses preferidos polos potenciais compradores para renovar os seus vehículos. Tanto no 2016 como no exercicio actual foi cando máis saíron ao mercado nas comarcas. En concreto foron 87 o pasado agosto, situándose á cabeza do ránking anual, seguido dos 84 de abril, mentres foron 76 en marzo, 71 en febreiro, 68 en xaneiro e tamén en xullo, para pechar os 65 de maio e os 64 de xuño.

Respecto das matriculacións por municipios, Lalín liderou o pasado mes con 34 aínda que coa Estrada moi preto ao acadar as 33, co resto xa a bastante distancia e sen acadar os dous díxitos. Foron sete en Silleda e seis en Vila de Cruces, polas catro de Forcarei e tres de Agolada. Mentres, houbo tres concellos onde non se rexistrou ningunha, con Rodeiro, Dozón e Cerdedo.

Lonxe de cifras previas á crise

A adquisición de vehículos caeu en picado nas comarcas coa chegada da crise económica. Unha rápida ollada aos datos do 2008 respecto ao ano en curso permite constatar na comparativa que mes a mes caen de forma significativa as matriculacións tanto en Deza como Tabeirós-Terra de Montes. E aínda que as axudas do plan PIVE supuxeron un incentivo para os potenciais compradores, en concesionarios da zona recoñecen que se tratou dunha medida coa que ir parcheando ese descenso de compradores. Parece ademais as advertencias de fabricantes, distribuidores e vendedores sobre a necesidade de novos tardou máis do agardado. Non se materializará ata outubro, cunha dotación de 50 millóns de euros, tras o plan Movea de xuño só para os turismos ecolóxicos. Pero desaparecen para a adquisición de vehículos tanto diésel como gasolina convencionais. Quedarán sen bonificacións os máis vendidos no mercado, tamén nas comarcas, onde a ausencia de puntos de carga públicos converte por exemplo en comprar un coche eléctrico case nunha quimera.

Incremento nas comarcas de novos camións e furgonetas

A outra cara da moeda atopámola ao avaliar as cifras de camións e furgonetas matriculados nas comarcas. Se entre xaneiro e agosto do pasado ano acadouse unha cifra de 87, no 2017 saltouse para ese período ata as 98. A maioría corresponden ao mes de febreiro, con 19, fronte ás 16 de marzo e 15 de xaneiro, situándose en 14 en xullo, 10 tanto en abril como en maio, con só 9 en agosto e 5 en xuño.

Pola súa banda, foron unicamente once os autobuses matriculados no que levamos de ano, todos elas na comarca dezana. E en canto a ciclomotores, só foron oito, aos que se sumaron 36 remolques ou semirremolques, segundo as cifras do IGE. Para rematar, levan contabilizados un total de vinte e un tractores industriais matriculados durante os oito primeiros meses na zona.