Suman 19 puntos de 21 posibles tras o cambio de adestrador
02 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.O CD Lalín logrou o pasado domingo o seu noveno partido consecutivo sen perder ao derrotar por 1-0 ao Dumbría. Nun encontro difícil polo enfoque ultradefensivo do rival, os homes adestrados por Dani Méndez conseguiron imporse cun solitario gol que os coloca ben asentados nos postos de fase de ascenso. Un equipo que non parece ter teito e que mantén o esixente ritmo de puntuación dos tres primeiros.
«O rival veu encerrarse atrás, con defensa de cinco, e na primeira parte custounos xerar ocasións de perigo. Estivemos algo imprecisos, pero melloramos na segundo. Chegamos máis por banda e nunha internada de Manu Vilariño, Eloy marcou a pracer», explica o adestrador do CD Lalín. «Sabiamos o que nos iamos a atopar, non houbo moitas ocasións, pero estivemos serios e cunha intensidade moi boa. Ademais eles non nos inquietaron case nada», engadía Méndez.
Sen o brillo doutros días, os roxinegros demostraron unha vez máis que están rebosantes de confianza, sumando 19 puntos dos 21 posibles desde que houbo o cambio de adestrador. Con este resultado, o Lalín segue en cuarta posición con 27 puntos, abrindo un oco de seis puntos respecto ao sexto, o Sofán, que marca o corte fóra do play off.
«O mérito é dos xogadores, que xogan con moita confianza», declarou o técnico, quen avanzou que o máis importante é aumentar a fenda cos seus perseguidores. «É o máis positivo, a próxima xornada xogamos unha final contra o Burela, se lles gañamos podemos abrir unha fenda case insalvable», advertiu.
Sen afastarse do liderado
Por diante ten ao San Tirso (28), Ordes (28) e Negreira (32), situándose a cinco puntos do ascenso directo. Unha misión moi complicada, posto que o Negreira se atopa no máis alto da clasificación con oito triunfos consecutivos e nove partidos invicto. «É un refacho incrible, nós trataremos de seguir o ritmo e, abrigo, distanciarnos dos equipos que temos detrás», recalcou Méndez.