
O dianteiro centro marcou 14 goles co Boiro a pasada liga
16 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.O ataque do Estradense quedou decimado ao finalizar a pasada tempada coa marcha do tridente Porrúa-Gamarra-Jaichenko. Xogadores de primeiro nivel e que achegaron gol para lograr ese subcampeonato ligueiro. O primeiro movemento para cubrir ese importante oco acábao de dar o club rojillo ao presentar onte a Daniel Pedrosa Loureiro (Ribadeo, 1996). O dianteiro centro chega procedente do Boiro, onde asinou catorce goles na campaña concluída en xuño.
A fichaxe de Dani Pedrosa supón un reforzo de nivel para a dianteira rojilla. Un futbolista de primeiro nivel na Terceira Federación, que a pasada tempada situouse entre os máximo goleadores da liga. Ademais atesoura aos seus 28 anos unha dilatada experiencia en categorías como a Segundo ou a extinta Segunda B, ademais de en Terceira. A través das redes sociais do club aseguraba que «chego con moita ilusión e gañas de sumar», afirmando que «sei o que representa este club e estou desexando comezar».
Dani Pedrosa comezou a xogar ao fútbol con catro anos no seu Ribadeo natal, para saltar como infantil de segundo ano ao Lugo, onde proseguiu ata categoría sénior, con algunha cesión en Segundo B. Somozas, Cerceda, o filial do Valladolid, VDE Ourense, Vilalbés, Bergantiños e Boiro foron os seus equipos ata recalar agora no Estradense. Afirma lembrar con especial cariño o seu debut co Lugo en Copa do Rey ou o paso en Segundo B polo Somozas e o pichichi logrado co Vilalbés.
Regreso de Ale Díaz
Por outra banda, nas súas redes sociais o Estradense tamén anunciou o regreso do porteiro Alejandro Díaz, Ale. Cubrirá a retirada de Coke do fútbol en activo e procede do Sigüeiro. De 24 anos, formouse nas categorías inferiores do Bertamiráns, primeiro, pero sobre todo nas da SD Compostela. No 2021 xa adestrara co equipo rojillo, onde agora lle tocará competir con Israel por facerse un oco na titularidade.
Co Pontevedra, o día 6
En espera de arrincar coa pretemporada, o Estradense xa fixou o seu partido de presentación ante a afección. Será o día 6 de agosto, ás 21.00 horas, fronte ao Pontevedra no Novo Campo.