Unha noite vibrante con Artistas do Gremio en Merza

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Vacaloura Estudo

O Galaico Brass ofrece hoxe un concerto de Artística con solistas invitados

09 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Cunha vestimenta que chamou a atención e a enerxía vibrante da música, os integrantes do grupo Artistas do Gremio animaron a noite do luns nunha nova xornada do Galaico Merza Brass que se desenvolve nesta parroquia do municipio de Vila de Cruces. Onte a programación continuou coa tradicional Cea Abrassadora, un encontro gastronómico e festivo que se pecharía cunha Jam Session a cargo de Merza Brass.

Esta noite, o concerto estará a cargo da Banda Artística de Merza que se subirá ao escenario situado no antigo colexio da localidade acompañada dunha serie de solistas invitados.

Estes días proseguen as clases de formación e de máster class con grandes profesionais de instrumentos de vento e metal de recoñecemento internacional. O Festival contará na súa penúltima xornada, mañá día 10, coa actuación da Real Filharmonía de Galicia. A diferenza destes últimos días, a cita está fixada para as 20.30 horas. A orquestra interpretará un programa centrado nun repertorio de vento-metal e contará coa participación de destados solistas que forman parte do profesorado do festival como son Marta Montes e Iago Bernat (trompas), o trompetista Alfonso González Barquín e os trombonistas Ian Bousfield e Isobel Daws.

No programa da formación, que estará dirixida por Sebastián, Zinca, figuran obras de F. J. Haydn, A. Rosetti, de Nino Rota e Daniel Gates.

O programa musical péchase o venres, día 11 coa actuación do Galaico Brass Ensemble, a partir das 22.00 horas, integrado por músicos da Banda Artística de Merza e profesores do festival que se encargarán de pechar esta edición cun concerto moi especial.