Os electores redúcense a 57.884 nas comarcas e as candidaturas a 33

Javier Benito
javier benito LALÍN / A Estrada / LA VOZ

DEZA

ANA GARCIA

Hai 123 actas en xogo para as duodécimas corporacións en democracia

28 may 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Menos electores con menos candidaturas entre as que escoller resume en gran medida a cita hoxe coas urnas para escoller as undécimas corporacións da democracia en Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Uns comicios locais con bastante incerteza en varios concellos de menor tamaño polo incremento de listas, con maiorías absolutas que talvez custe manter noutros. En total serán 57.884 os potenciais votantes entre os nove municipios, lonxe dos 59.322 de fai catro anos. Son 1.438 menos os que poderán exercer ese dereito constitucional para elixir aos 123 concelleiros.

A tendencia baixista de posibles votantes acumúlase comicio tras comicio local. E esta vez tamén descendeu o número de candidaturas na zona, de 38 a 33. Os colexios electorais na zona estarán abertos de 9.00 a 20.00 horas, con máis dun centenar de mesas distribuídas entre as distintas seccións.

Por municipios, o maior número de persoas que poderán depositar as súas papeletas é na Estrada, con 17.071, aínda que por baixo das 17.401 do 2019. Neste concello son 21 as actas de edil en xogo, concorrendo catro forzas políticas. En idénticas cifras sitúase Lalín, tanto en concellarías como partidos, pero menos electores con 16.108, cando foron 16.395 no 2019. Mentres, en Silleda poderán votar 7.255 persoas, único sitio onde sobe fronte ás 7.226 previas, con trece concellarías a repartir e tres formacións a conseguilas.

En Vila de Cruces se baixa a 4.441 posibles votantes dos 4.659 do 2019, que terán ata cinco listas polas que optar e que pelexan por trece actas. En Agolada hai idéntico número de candidaturas pero só once concellarías en xogo, con 2.090 electores e foran 2.186 fai catro anos. En Rodeiro baixouse a 2.058 de 2.276, con once actas e tres listas, mentres son tamén tres en Dozón para nove e 978 electores, fronte a 1.066. En Forcarei pasouse a 2.879 de 3.057, once actas e tres listas; e en Cerdedo-Cotobade poden votar 5.004, antes 5.046, para trece actas.

Máis de 160.000 euros na zona só para o gasto administrativo dos comicios

Dous euros e medio por veciño. É o que custa, só en gasto administrativo e polo baixo, pór en marcha a loxística para a celebración dos comicios de hoxe. Serán máis de 160.000 euros a cantidade que a Administración do Estado deberá desembolsar en Deza e Tabeirós-Terra de Montes para facer fronte a continxencias tan variadas como a adecuación dos colexios, o transporte das urnas, montaxe e desmonte de cabinas ou o pagamento das dietas aos membros das mesas.

A iso súmanse os custos do persoal municipal que se mobilizará, así como dos funcionarios da Administración de Xustiza. Por exemplo, os xuíces de primeira instancia ou de paz percibirán unha indemnización máis os gastos de locomoción. Son só algúns exemplos.

Dous deputados provinciais e os vogais da Mancomunidade

Os gobernos e a composición das nove corporacións municipais non son o único que hoxe está en xogo. Cos seus votos, os dezáns tamén elixen a configuración da Mancomunidade de Deza, ademais dun deputado provincial, mentres un segundo está en liza en Tabeirós-Terra de Montes. Respecto destes dous deputados na corporación provincial, salvo sorpresa, ninguén agarda que se mova a asignación que se repite comicio tras comicio, ostentándoos o Partido Popular. Mentres, a entidade supramunicipal terá que elixir aos seus vogais entre os partidos en función da súa representatividade, agora son 23 membros, aínda que a principal decisión a adoptar será se se reactiva ou se determina a súa desaparición.

Unha cita coas urnas onde repiten 19 cabezas de lista do 2019

As 33 candidaturas que concorren nos comicios de hoxe están integradas —sen contar aos suplentes— por 459 persoas. Aspiran ás 123 actas de concelleira das futuras corporacións, as mesmas que no 2019, ano en que si se produciron cambios pola fusión entre Cerdedo e Cotobade do 2017, ao pasar a contar con máis concellarías o Concello resultante respecto ao cerdedense. Repiten 19 cabezas de lista respecto das anteriores eleccións, é dicir, a metade dos que concorreron entón.

Unha cita onde creceron as listas independentes que compensaron só en parte a ausencia por exemplo de Cidadáns ou a redución de presenza doutros partidos.

Máis de 1.340 urnas determinarán o resultado das eleccións nos 665 colexios equipados na provincia

Un total de 1.344 mesas electorais, con outras tantas urnas, en 665 colexios electorais equipados cada un delas cunha cabina determinarán este domingo na provincia os alcaldes e corporacións municipais para os próximos catro anos. As cifras non acaban aquí. Xa que os datos que manexan na Subdelegación do Goberno de Pontevedra refiren que as mesas estarán atendidas por 4.032 persoas e por 735 representantes da Administración, «que se encargarán de verificar a súa correcta constitución, resolver as incidencias e recoller os datos do reconto de voto».

O certo é que esta loxística e seguridade implica uns custos, que foron cifrados no caso da provincia de Pontevedra en algo máis dun millón de euros. Neste sentido, precisaron que unha importante contía destes 1.022.413,36 euros «se destina a retribuír ás case cinco mil persoas que traballan na preparación e desenvolvemento da xornada electoral».

No ámbito da seguridade, a Subdelegación do Goberno contará hoxe cun operativo co obxectivo sempre presente de que os electores «poidan exercer o seu dereito ao voto coas máximas garantías».

Simulacros de transmisión

Neste ámbito sitúanse os dous simulacros nos que participou persoal da Subdelegación do Goberno do sistema de transmisión de datos que empregan os representantes da Administración para trasladar toda a información relativa á apertura e peche de mesas, avances de participación e escrutinio final.

É por iso que Maica Larriba resaltou o esforzo que supón para a Administración «semellante despregue de recursos, tanto técnicos como humanos», á vez que mostrou «a súa satisfacción pola profesionalidade con que se están a desenvolver todos os procesos previos ao proceso electoral deste domingo».

En canto aos votantes chamados ás urnas este domingo, os datos oficiais refiren que son un total de 775.760 os electores que forman parte do censo provincial. Un dos aspectos máis rechamantes é que máis dun 4 % destes, isto é, 33.661 pontevedreses, son novos que este 28M votarán por primeira vez nunhas eleccións ao cumprir a maioría de idade, 18 anos, mentres que outros 3.337 son electores residentes na provincia, pero nacionais doutros países con dereito a voto nunhas eleccións municipais.