González Casares puxo en valor o impacto dos fondos europeos nas dúas comarcas

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

19 mares 2023 . Actualizado ás 19:57 h.

O eurodeputado socialista, Nicolás González Casares, puxo en valor o impacto dos fondos europeos na zona e o papel da Deputación como canalizadora dos Next Generation para o impulso do turismo, o medio ambiente e a mellora dos servizos públicos. González Casares cifrou en 1.081.904 euros a cantidade recibida por Deza e Tabeirós-Terra de Montes nos últimos anos para actuacións de iluminación sostible, instalación de placas fotovoltaicas en edificios públicos, entre outras.

Indicou, nun encontro celebrado en Rodeiro con presenza do candidato socialista neste municipio, José Luis Camiñas, a candidata lalinense, Alba Forno, e a de Vila de Cruces, María Manteiga, entre outros, que á zona están tamén a piques de chegar os 2.069.000 euros do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, da man da Deputación, aos que sumou os seis millóns de euros concedidos polo goberno no seu día a Lalín e A Estrada para os proxectos financiados polos fondos Edusi.

Engadiu a xestión por parte do goberno provincial de 1.343.304 euros dentro do PERTE da auga, convocado polo goberno do Estado para concellos de menos de 5.000 habitantes, cunha subvención de 292.843 euros para Agolada, 212.931 para Dozón, 497.369 para Forcarei e 205.830 para Rodeiro. Unhas cantidades que completa cos 133.904 euros en Silleda, 23.133 en Agolada e 67.066 euros en Forcarei de programas de apoio ao comercio local con fondos europeos chegados desde a Deputación.

O eurodeputado resaltou a transformación propiciada por esas axudas con proxectos como o de mellora da mobilidade peonil na Bandeira con 814.056 euros concedidos polo goberno de Pedro Sánchez, así como o plan único de Banda larga que «permitirá que o cen por cen das vivendas estén conectadas por fibra óptica ou por satélite 5G antes de 2025», e as concedidas a empresas por un montante de entre 2.000 a 12.000 euros co programa Kit Dixital.