O BNG pide a Crespo respostas a problemas do SAF, o CIS, a Xosé Cuíña e Donramiro

La Voz

DEZA

19 mares 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O portavoz do BNG, Francisco Vilariño, presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno pedindo ao rexedor, José Crespo, que dea resposta a unha serie de cuestións relacionadas coa situación das traballadoras do Servizo de Axuda non Fogar, o conflito dos veciños respecto das obras da avenida Xosé Cuíña, a situación económica do Concello, a Gran Praza, o CIS, o servizo de Pediatría e a rehabilitación do núcleo de Donramiro.

Vilariño lembra que denunciou que a empresa non aplicou ás traballadoras do SAF o incremento do IPC para este ano do 5,7 %, nin actualizou a quilometraxe que lles paga, entre outros supostos incumprimentos contractuais. Quéixase de que o 28 de febreiro nunha reunión, «a empresa dixo que pensa seguir cos seus incumprimentos do contrato co Concello de Lalín» e quere saber se se vai facer algo respecto diso. Demanda ao Concello que se sente cos afectados da avenida Xosé Cuíña para chegar a un acordo con eles e expresa a súa preocupación pola situación económica municipal «con 11 millóns de débeda».

Reclama tamén información sobre as obras do CIS e o anuncio dun servizo de Pediatría polas tardes. Ao mesmo tempo acusa o goberno de incapacidade «para executar o proxecto de rehabilitación de Donramiro» temendo que «van perder 740.000 euros dos fondos europeos conseguidos polo anterior goberno por no chegar a tempo». A estes asuntos engade o portavoz nacionalista a compra de terreos e dúas casas para a realización da Gran Praza cun gasto, apunta, de 2,5 millóns de euros en total.