Máis do 76 % dos maiores de 65 anos vacináronse contra a gripe

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN, A Estrada / LA VOZ

DEZA

Sandra Alonso

Os servizos da zona incrementaron as cifras da anterior campaña

21 ene 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A campaña da gripe arrincou o 10 de outubro do pasado ano co foco posto nos maiores de 65 anos e como novidade, este ano, desde o Sergas convocábase tamén a esta cita anual aos nenos con idades comprendidas entre os seis meses e os cinco anos. O obxectivo que se marcaba o Sergas nesta última campaña era o de elevar a cobertura e acadar e 75 % de vacinados ou máis entre os maiores e do 60 % entre os pequenos. Na área de Santiago-Barbanza, á que pertencen os municipios da zona, cumpriuse o primeiro aínda que polos pelos e do total de 11.389 residentes en todo este distrito convocados, vacináronse 84.781, o que supón un 76,11 %.

Desde a pandemia e a irrupción do covid, a chamada para recibir a consabida dose do antigripal está a ter máis tirón e unha resposta maior, especialmente entre as persoas que sofren outras patoloxías e que temen os negativos efectos que lles poida traer sufrir unha gripe.

Unha tendencia que se ve tamén en Deza e Tabeirós, a tenor dos datos de vacinación e que guindan un incremento no número de vacinados este ano respecto ao anterior. Os datos de referencia son os dos servizos de Silleda, A Estrada, Lalín, que abarcan, neste caso deste último Lalín, Rodeiro, Agolada e Dozón ou Silleda e Vila de Cruces, no caso do de Silleda.

Na zona, acadouse unha media de vacinados do 76,1 % entre os maiores de 65 anos este ano fronte ao 73,1 do 2021. Por zonas, a maior porcentaxe acádao A Estrada onde se chegou a unha 79,13 % fronte ao 76,57 % do 2021 con 4.438 vacinados dun total de 5.735 nesa franxa de idade.

Pola contra, Lalín rexistra a porcentaxe máis baixa, aínda que supera o 70 %. Foi nesta campaña do 72,10 % entre os maiores de 65 % frontes ao 69,25 % que se contabilizaba no 2021. Foron 5.065 os veciños que pasaron polos centros de saúde a pórse a picada dun total de 7.025. En Silleda acadouse un 77,09 % de vacinados neste rango de idade, fronte ao 73,51 % do 2021. Foron a vacinarse 3.214 dun total de 4.169.

Menos da metade

As cifras caen noutros rangos de idade. A máis baixa rexístrase entre as persoas de 60 a 64 anos. Nas comarcas vacináronse un 43,68 % en Lalín, un 48,25 % en Silleda e un 51,51 % en Lalín.

En cambio, as maiores porcentaxes rexístranse entre os maiores de 75 anos que son os máis preocupados por protexerse contra a gripe. A maior resposta entre os desta franxa de idade foron os estradenses, cunha porcentaxe de vacinación do 83,02 %, o que supuxo o paso de 2.758 veciños polos centros de saúde para picarse dun total de 3.322 potenciais vacinados.

A resposta é tamén boa, aínda que inferior a esta, nos servizos de Lalín e A Estrada. En Lalín recibiron a vacina antigripal o 76.92 % dos maiores de 75 anos, o que supón un total de 3.140 dun total de 4.082 e en Silleda foi un 80,47 %. Foron 1.924 persoas dunha poboación de 2.391 persoas desa franxa de idade.

Os nenos estradenses foron os que mellor responderon á chamada para inmunizarse

Nesta última campaña de vacinación contra a gripe, a novidade foi a inclusión dos nenos con idades entre os seis meses ata os cinco anos na convocatoria. Galicia foi a primeira comunidade autónoma en implementar esta medida que se iniciou como experiencia piloto na área sanitaria de Santiago e Barbanza. Acudiron á chamada un total de 7.210 pequenos dun total de 12.292, o que supuxo un 58,66 % de vacinados, un paso menos do obxectivo marcado que era do 60 %.

Na zona, de novo foi o servizo da estrada o que conseguiu mellores resultados acadando unha resposta do 63,79 %, Acudiron a pórse a picada un total de 347 nenos de seis meses a cinco anos, dos 544 convocados á cita.

No servizo de Lalín, a porcentaxe foi máis baixo, quedándose un pouco por amais da metade da poboación infantil. Vacináronse o 50,37 % dos nenos destas idades, o que supón 342 de 679. En Silleda se inmunizaron contra a gripe o 61,90 %, vacinándose 221 nenos de 357. Por franxas de idade, a mellor cifra rexistrouse entre os nenos dun a dous anos na Estrada onde a porcentaxe de vacinación chegou ao 72.17 %.