Na Romea crearase un lago con auditorio, bautizado como Xela Arias

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

Rafa Estevez

Crespo rubricou con Silva o convenio para a ampliación do cemiterio

25 ene 2022 . Actualizado ás 20:40 h.

A firma oficial do convenio entre a Deputación e o Concello de Lalín para a ampliación do cemiterio da Romea e a creación do parque Fraga do Alén, financiado a través do plan ReacPon, desvelou algúns detalles de interese sobre este ambicioso proxecto que contará con máis de 1,8 millóns de euros de investimento. Destaca por exemplo a creación dun lago artificial cun auditorio, elevado sobre o nivel do terreo, onde se tributará unha homenaxe ás mulleres artistas e que levará o nome da escritora Xela Arias.

O actual camposanto ampliarase cara á zona boscosa lindeira respectando a súa planta orixinal aínda que cun deseño diferenciado. Contará con dúas entradas, coa actual de acceso á zona da capela para os actos fúnebres, mentres se creará outra «máis romántica», como destacaba onte a Deputación en nota de prensa, que posibilitará explorar o cemiterio a través dunha rede de camiños conectando así distintas zonas de estar e equipamentos distribuídos por todo o espazo. Na zona sur contigua ao aparcadoiro crearase un parque exterior aberto con bancos e aparcabicis, ademais dunha zona de xogos infantís.

Escultura en homenaxe ás vítimas da violencia machista

O proxecto na Romea inclúe a reforma da capela, cuxa fachada se recubrirá cunha estrutura de láminas de aceiro, ademais de construírse unha marquesiña. Está previsto instalar unha escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero. A execución dos traballos permitirá impulsar a mobilidade entre os principais espazos públicos de Lalín, conectando vías peonís xa existen na contorna rural do cemiterio e co propio núcleo urbano. Tamén se incidirá na sustentabilidade nos pavimentos a colocar, respectando o ciclo da auga para evitar a degradación do terreo e plantando vexetación autóctona.

Na firma este martes do convenio, o alcalde de Lalín, José Crespo, destacou que «a Deputación é o concello de concellos, xa que nos permite facer actuacións que doutra maneira serían moi difíciles ou mesmo imposibles», argumentando que o da Romea «será o proxecto estrela do mandato». Pola súa banda, a presidenta do goberno provincial, Carmela Silva, destacou a iniciativa pola súa ambición ao non limitarse a unha ampliación dun cemiterio, senón que se integrará coa paisaxe. «Resultará un espazo eficiente, dinámico, sostible, ecolóxico e atractivo, converterase nun gran parque natural para a cidadanía cun nome fermoso», apuntou, respecto de Fraga do Alén.

Silva destacou a calidade dos proxectos presentados ao ReacPon, que no caso de Lalín contará co financiamento máis alto na provincia, achegando a Deputación 1.354.769 euros, por 451.589 o Concello.

32.000 metros de parque

A actuación prevista transformará nun espazo público de ata 32.000 metros cadrados a parcela limítrofe ao camposanto. Silva remarcou que o ReacPon busca paliar os efectos da crise sociosanitaria e reactivar a economía na provincia, respondendo as demandas da Axenda 2030 e o Plan de Resiliencia. Mentres, Crespo destacou o esforzo realizado para elaborar o proxecto e resolver co financiamento da institución provincial «unha demanda que temos desde hai anos» de nichos na Romea. Apuntou ter recibido xa comentarios para que se presente esta actuación ao certame nacional de arquitectura, que posibilitará organizar actividades culturais e de lecer no auditorio. Destacou a sustentabilidade prevista ao empregar enerxía fotovoltaica e innovacións como as urnas biodegradables.