As pensións aumentarán 19,5 euros de media nas comarcas

David Cofán Mazás
david cofán LALÍN, A Estrada / LA VOZ

DEZA

miguel souto

O incremento medio na Estrada é de 20,01, polos 17,15 de Rodeiro

26 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

O Goberno central aprobou no día de onte a agardada revalorización das pensións para este ano 2022. Unha medida coa que se producirá un crecemento do 2,5 % nas contributivas e pasivas (correspondentes a traballadores do Estado) e un 3 % nas pensións mínimas, non contributivas e prestacións por fillo ao cargo. Todas as pensións, ben sexan de viuvez, por xubilación, orfandade ou incapacidade verán aumentadas as súas pagas mensuais. O Executivo destinará un total de 6.500 millóns de euros para pagar esta revalorización que afecta de diferente forma aos máis de 20.000 pensionistas que viven nas comarcas de Deza e Tabeirós, un 29,4 % das 69.034 persoas que habitan na zona.

En función do concello e a comarca na que residan, a cantidade extra é diferente, aínda que neste caso as variacións son mínimas comparados con outras zonas de Galicia. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), a media do aumento nos concellos de Tabeirós-Terra de Montes é de 19,81 euros, polos 19,2 cos que se subirán as prestacións en Deza. O importe medio das pensións nesta comarca é agora de 787,4 euros, polos 768,2 nos que situaba a contía no 2020. En Tabeirós pasouse de 792,93 a 812,13 euros.

As diferenzas tamén son máis ostensibles en función do municipio. O concello máis beneficiado pola subida das pensións é o de Cerdedo-Cotobade, que ademais conta coa media máis alta da zona cunha contía de 897,88 euros, fronte aos 875,98 que se marcaba en 2019, un aumento de 21,9 euros. Despois sitúase A Estrada, onde percibirán de media 820,38 euros, 20,01 máis. No terceiro chanzo deste podio atópase Lalín cun incremento 19,87 euros ao situarse agora en 814,47. Outras subidas destacadas son as de Silleda e Vila de Cruces, que con este aumento do 2,5 % os pensionistas que residan alí verán aumentado o seu importe en 19,29 e 19 euros respectivamente, pasando a pensión media aos 790,75 e 772,87 euros.

Unha subida máis moderada dáse nos municipios de Agolada (18,74), Dozón (17,87), Forcarei (17,52) e Rodeiro (17,15). É neste último concello onde se atopan as pensións máis baixas cunha media de 703,05 euros, 15 menos que en Forcarei, que se sitúa en 718,13.

No caso das pensións non contributivas e ingresos mínimos o incremento porcentual é do 3 %. En Deza e Tabeirós-Terra de Montes benefícianse deste tipo de prestacións 1.258 persoas, case o 2 % da poboación total. Na comarca máis occidental o número é de 452 beneficiarios: 98 en Cerdedo-Cotobade, 43 en Forcarei e 311 na Estrada. En Deza son 806, liderando Lalín con 388, seguida de Vila de Cruces con 123, Agolada con 106, Silleda con 103, Rodeiro con 63 e Dozón con 23.

Lonxe da media provincial

Na comparativa provincial, o incremento na zona é claramente menor. O importe medio por pensión na provincia de Pontevedra é de 1.030 euros, polos 1.005 de hai dous anos. Unha subida de 25 euros nas contributivas e de 30 nas mínimas.

«Esa subida non vale para nada cando os prezos da luz, da auga ou da comida son tan caros»

Os pensionistas da zona acollen con escepticismo a revalorización das pensións aprobada polo Goberno no día de onte. Aínda que sexa benvida esta subida media de case 20 euros nos petos dos xubilados, o aumento do custo do nivel de vida é tan acusado que consideran que o impacto desta subida non será suficiente para palialo. Así pensaban dúas veciñas de Lalín na tarde de onte, sinalando que «non é unha subida suficiente». Argumentaban que «non vale para nada cando os prezos da luz, da auga ou da comida son tan caros».

Aseguraban que, por exemplo, facer a compra cada vez é máis caro. «Todo creceu moito, nótao calquera que vaia ao supermercado a facer a compra», apuntaban, insistindo en que «non vale para nada». Para palialo, apostan por unha redución dos gastos do día a día para que a subida nas súas pensións sexa palpable nos seus petos a final de cada mes.

As plataformas de xubilados mantiveron unha longa loita nas rúas ata o inicio da pandemia con manifestacións semanais para esixir unhas prestacións dignas e frear a súa perda de poder adquisitivo, vinculando o aumento ao IPC do exercicio anterior, algo que non parece corresponderse con este incremento.