Rouban nunha tenda de telefonía da Estrada utilizando mazas para romper a cristaleira

David Cofán Mazás
David Cofán A Estrada / LA VOZ

DEZA

Rocío García

Os ladróns non se inmutaron ante os berros dos veciños que presenciaron o suceso desde as fiestras dos edificios lindeiros

30 novs 2021 . Actualizado ás 09:33 h.

A tenda de telefonía, Low Cost Phone, situada na rúa Justo Martínez da Estrada, sufriu na madrugada do domingo ao luns, ao redor das 00.46 horas, un roubo por parte de varios encapuchados, que accederon ao local abrindo unha fenda na cristaleira cunha maza. Os veciños, impactados polos ruídos que procedían desde a rúa, presenciaron atónitos todo o proceso, increpando aos asaltantes desde as fiestras para tratar de frear as súas accións e dando coñecemento á Policía e a Garda Civil.

Algunhas testemuñas do suceso aseguran que se trataba de tres homes encapuchados, dous dos cales entraron a subtraer artigos na tenda e un quedou esperaqndo no exterior. Empregaron para a súa fuxida un audi de cor negra, aparcado nun garaxe próximo. De feito, na súa escapatoria partiron en dirección prohibida cara á igrexa. 

En apenas dous minutos conseguiran levar a cabo o roubo, saíndo do local cunha bolsa. O responsable de Low Cost Phone na Estrada, Javier Alonso, sostén que accederon directamente ao almacén, sen causar desfeitas na tenda, facéndose con trinta terminais telefónicos que recibiran o pasado xoves e un computador portátil. Polo xeito na que actuaron, apunta a que puido ser unha banda organizada que tiña moi claro como actuar e coñecían a distribución da tenda. Ademais, tanto as testemuñas como o propietario, coinciden en que, ao falar entre eles, percibiron un acento estranxeiro, ou polo menos de fóra de Galicia.