A subida da luz desata a febre pola enerxía solar fotovoltaica

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

Na zona cada vez son máis os particulares e firmas que buscan aforrar

31 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A escalada do prezo da luz preocupa cada vez máis aos cidadáns que se enfrontan ao pagamento de recibos cada vez avultados. Pero se para os particulares o aumento do desembolso pola enerxía eléctrica que consumen é considerable, para as empresas a situación empeora. Estas enfróntanse en moitos casos á necesidade de asumir non só a subida imparable do prezo da luz, senón tamén o incremento xeneralizado dos combustibles, e en moitos casos, dun amplo abano de materias primas que engloba desde o aceiro das firmas do metal aos pensos nas explotacións agrarias. Todo un compendio de incrementos que redunda de forma directa nos custos de produción e que non sempre se poden repercutir no produto.

Con ese panorama, non é raro que tantas empresas como particulares miren cada vez máis cara ao sol buscando un aforro no uso da enerxía solar fotovoltaica. Do aumento do interese por este tipo de instalacións dan fe os propietarios de establecementos especializados da zona.

Javier Mato, de Formatesa, en Lalín, sinala que «hai bastante xente que pregunta pedindo presupostos» e destaca que «hai tamén subvencións da Xunta para isto». Moitas das demandas deste tipo de instalacións parten de propietarios de vivendas unifamiliares destacando que «hai xente que incluso no baixo da vivenda ten un comercio ou algo así e tamén lles interesa para aí».

A demanda céntrase, indica, na colocación dalgunha placa solar ou de enerxía fotovoltaica Neste caso existen diferentes opcións que dependen moito do consumo de enerxía de cada cal. Mato explica que «hai opcións de poñelas para compensar vendendo a electricidade que produces e cho compensan na factura. Hai moita xente que o pon directamente conectado á rede e sen baterías entón si non estás na casa consumindo iso que produces non fas nada, e a única opción que tes nese caso sería vendela e que che compensen».

Non é a única posibilidade «tamén se poden por baterías aínda que sigas consumindo da rede, e por exemplo, en caso de emerxencia que quedes sen carga nas baterías, a rede carga con corrente normal, porías un contrato máis pequeno porque precisarías menos enerxía non necesitarían tantos kilovatios, porías un kilovatios solo para cargar as baterías, pero a instalación é máis cara porque as baterías son caras», engade. Hai empresas que consumen todo o día electricidade pero de noite non, e neste caso, pódese optar por «por a instalación sen baterías conectadas directamente a rede e o que consumen directamente das placas xa non o consumen da rede normal» Hai empresas que xa dispuñan deste tipo de instalacións e que agora se están expondo este tipo de cuestións para intentar aforra dada a escalada de custos, especialmente de todo tipo de enerxía desde os carburantes á luz.

«Puxemos 42 na nave módulos fotovoltaicos e levamos aforrados 8 MWh dende abril»

Proquideza é unha das empresas da zona que conta con instalacións de enerxía fotovoltaica. Contan con 42 módulos fotovoltaicos colocados sobre a cuberta da nave situada no polígono Lalín, de forma que aproveitan a pendente da mesma para recoller a enerxía do sol. O proxecto técnico de instalación fotovoltaica BT foi de 17 quilowatts para autoconsumo e atópase na parcela 42-43 do polígono Lalín 2000.

Juan Pérez Blanco , responsable da firma, explica que «a instalación dos paneis fíxose a finais de abril» e desde entón «foron máis de 8 MWh os que levamos aforrados ata o de agora». Parte desa instalación foi subvencionada nun 50 %polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega). A día de hoxe, apunta Pérez Blanco , «o autoconsumo representa o 35 % do noso balance enerxético».

No caso desta empresa, apunta, «o rendemento podía ser netamente superior pero o noso horario de fábrica (de 7.00 a 15.00 horas) é un factor limitante polas horas de luz». Explica que se tivesen outro horario poderían aproveitar máis o rendemento da produción deste tipo de enerxía que é maior nas horas centrais do día. A pesar de todo supón un aforro importante, que compensa o montante da factura.

A pesar da instalación pagaron case mil euros máis de luz que o ano pasado no que vai de ano. En concreto 955,81 euros máis. A factura de xaneiro ao fin de outubro do pasado ano ascendeu a 4.733, 67 euros fronte aos 5.689,48 euros que pagaron este ano no mesmo período. Pérez Blanco destaca que «pagaríamos moito máis aínda se non tiveramos a instalación».

Unha nova liña de subvencións da Xunta de Galicia

A Xunta destina 19,8 millóns de euros a axudas a empresas para fomentar o autoconsumo eléctrico a partir de enerxías renovables. O prazo abriuse o 21 de outubro e finaliza o 31 de decembro. Haberá tres liñas de subvencións. A porcentaxe das axudas para financiar instalacións fotovoltaicas ou eólicas oscila entre o 15 e o 65 %.

«Temos moita demanda de estudos e petición de presupostos de granxas e empresas de todos os sectores»

Francisco Bértolo, membro da oficina técnica de Servium ratifica que «hai moito interese tanto de particulares como de empresas, e cada paso son cada vez máis e hai un aumento na demanda». Destaca que as empresas xa tiñan interese pero «os particulares notan ultimamente as subidas da luz moito máis e non é que se fagan moitas máis obras pero si máis estudos aínda que moitas veces non se chegan a executar». Sinala que «o mellor non se chegan a executar nin o 50 % dos que se ofertan, pero si que se demandan moitos estudos e presupostos».

Pese ao aforro que supón, todo é todo o que os veciños pensan. Explica que «a xente está un pouquiño equivocada, pensa que é máis agasallo do que é». Conta que «moitas comercializadoras van con ese caramelo, e si que é verdade que non vas a pagar nada pola planta pero si cho van a cobrar mes a mes. A título persoal a final o rematas pagando dun xeito ou outro». Ás empresas, indica «lles compensa xa doutra maneira e moitas intentan tamén adaptar un pouco o seu horario de produción as tarifas máis baratas e intentan axudarse un pouco da enerxía fotovoltaica, sobre todo».

A demanda que ten Servium nestes momentos, apunta, procede de empresas de todo tipo, desde farmacéuticas ao sector da alimentación, de residuos, e de todo tipo en xeral. No caso das empresas, apunta, si notan máis o aforro na factura da luz que supón este tipo de instalacións. O retorno, apunta, é máis rápido que no caso dun particular. O aforro depende moito e pode variar «dende 0,6 por kilovatio a un 20%». Nas variables pesan cuestións como, no caso das granxas, o tipo de cuberta que posúen «nas naves vellas aínda tes cubertas de fibrocemento e saen bastante máis caras que nas naves novas», matiza. Na actualidade teñen varios estudos feitos para este tipo de instalacións. No caso da enerxía fotovoltaica, resalta, «o seu é consumir cando produce». A firma lalinense conta con proxectos e estudos para este tipo de instalacións en diferentes puntos de España. Agrícolas e de alimentación sobre todo na zona, farmacéutica en Madrid e de residuos, por exemplo, en Zaragoza.

Sinala que atenden soamente as peticións agrogandeiras da zona. Fóra da comarca, o traballo da firma céntrase en proxectos para a industria.

A unha explotación agraria pódelle supor un aforro sinalando que «tes que adaptar os horarios á produción da enerxía porque senón non notarías eses aforros, si ti producen polo día e gastas pola noite o aforro non é notable», explica.