Cuíña bota en falta fondos para contar cunha ambulancia medicalizada

La Voz

DEZA

Rocío Ramos

23 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O coordinador de CxL, Rafael Cuíña, bota en falta nos orzamentos da Xunta «orzamento para a ambulancia medicalizada ou a ambulancia de apoio», lembrando que era unha das promesas do programa electoral do PP. Cualifica do «insostible» servizo de Atención Primaria en Lalín que, sinala, está a xerar numerosas queixas. Considera que a mellora dos servizos públicos sanitarios debía ser un dos asuntos prioritarios.

Cuíña Aparicio pide á Xunta que apure a construción do CIS cuxa finalización está prevista para o 2023, alegando que igual non lle dá tempo ao PP de inauguralo antes das eleccións. Sinala que o proxecto se está executando «integramente con fondos europeos» e que «non hai un só papel da tramitación administrativa que non estea firmado por mín», lembrando que «o convenio que firmei con Almuíña puña que o CIS tiña que estar feito a finais do 2019». Cuíña pregunta a Crespo «que empresas trouxo para Lalín en 28 meses» e quéixase de que os empresarios terán que agardar ata «o 2024 para ter dispoñible chan industrial». Acusa a Xunta de pedir no seu momento aos empresarios que realizasen unha reserva de terreos «cando había polo menos tres firmas de fora que se querían instalar e hoxe estarían 300 persoas máis traballando». Nestes momentos afirma que hai empresas de Lalín que queren ampliar as súas instalacións e espera que non se teñan que marchar a outros municipios porque non poidan agardar a que estea dispoñible a cuarta fase do polígono Lalín 2000.

Cuíña bota en falta nos orzamentos da Xunta «promesas como o edificio de Medio Rural ou as pistas de atletismo» e quéixase de que sigan sen finalizar «parcelarias que se iniciaron fai 30 anos e que non se acabaron aínda».