Donsión contará cun novo albergue turístico e restaurante rústico con axudas do Leader

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

O GDR Pontevedra Norte aprobou achegas a tres proxectos para consolidar 27 postos de traballo e crear 4 novos

22 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A oferta hostaleira no rural de Lalín crecerá a curto prazo coa apertura dun novo albergue turístico e restaurante rústico. O proxecto promóveo Antonio Pereiro e conta con axudas do plan Leader 2021-2022. Figura entre as tres iniciativas ás que se acordou onte outorgar subvencións por parte da xunta directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural 16 (GDR-16) Pontevedra Norte. En conxunto distribúense achegas con fondos europeos por 387.475 euros, mentres que o investimento conxunto estimado sitúase en 1,25 millóns.

Estes tres proxectos suporán referendar e impulsar a economía rural en Lalín, xa que todas as iniciativas se desenvolven neste municipio. Dous delas pretenden modernizar e ampliar as actividades que xa están en marcha por parte dos seus promotores, mentres que hai un novo negocio que logra axudas do Leader, en concreto o do albergue turístico de Donsión. Todas as iniciativas terán en breve resolución emitida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e deberán estar concluídas antes do 15 de outubro do próximo ano.

Entre as dúas propostas de modernización que contan con subvención aprobada polo GDR-16 partiu da empresa Kalekói, con sede en Bergazos, que comercializa leite pasteurizada ademais de derivados deste proxecto, como iogures artesanais tanto naturais como de distintos sabores, así como kéfir. Precisamente o financiamento recibido prevese destinar á compra da maquinaria necesaria para o envasado deste último produto, o kéfir.

A terceira axuda outorgouse á firma Maxideza, con sede en Filgueira e que pretende aumentar as súas instalacións para a reparación e exposición de vehículos e maquinaria agrícola. Ademais, quere incrementar a gama de servizos que presta aos seus clientes. Está centrada na maquinaria agrícola, forestal e xardinería, con venda e reparación ao dispor de taller.

Esta resolución de axudas súmase á recente realizada para proxectos non produtivos, na que se outorgaron achegas para entidades particulares e concellos, entre elas varias que incidían en actuacións para a promoción do turismo ou para a posta en valor de patrimonio arqueolóxico.

«Esperamos abrir nun ano e xerar cinco empregos se todo funciona ben»

No 2018 comezou a xestarse un proxecto que retardou a pandemia pero que agora colle xa velocidade de cruceiro, se os problemas para conseguir man de obra ou determinados materiais non o impide. Antonio Pereiro decidiu ser profeta na súa terra, Donsión, e emprender á calor do paso do Camiño de Santiago, a proximidade ao polígono e a Lalín. Catro anos despois xa está en construción o futuro albergue turístico e restaurante rústico, que acaba de recibir unha subvención do Leader duns 156.000 euros, para un proxecto que cuantificou en algo máis de 400.000.

Como explica Pereiro, que ostenta o cargo de alcalde de barrio de Donsión, o primeiro paso foi adquirir os terreos onde había unhas instalacións pero inservibles. O albergue nace desde cero e contará con 26 prazas, tanto en cuartos dobres como múltiples. Ademais haberá restaurante e cafetería. «Esperamos abrir nun ano e xerar cinco empregos se todo funciona ben e logramos atraer público», apuntaba onte ilusionado este emprendedor que recoñece as dificultades que supón arrincar cunha iniciativa deste calado, pero que está confiado en que o esforzo mereza a pena.

A axuda do Leader marca en certa medida o avance do proxecto, xa que debe estar rematado a mediados de outubro do 2022 para xustificar a súa recepción. Con esa marxe de tempo planifícase a construción do albergue, aínda que Antonio Pereiro tira de retranca para apuntar que talvez requira algunha prórroga dada a problemática actual que se vive en todo o país coa carencia de man de obra e de materiais. Neste inicio dos traballos pódense ver xa os primeiros alicerces e parte da cimentación do futuro edificio.

A única petición que cursou Pereiro para lograr financiamento foi ao plan Leader, atopándose con esa subvención que quixo agradecer ao Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Norte e ao propio Agader, significando a necesidade e importancia de apoiar e impulsar iniciativas que permitan dinamizar o rural e asentar poboación. A súa iniciativa permitirá no 2022 ampliar a oferta hostaleira en Lalín, así como a capacidade para acoller a peregrinos ou outras persoas de paso e visitantes que opten por un albergue para pasar a noite.