A alza das pensións nas comarcas: entre os 15 e 20 euros

j. b. / m. g. LALÍN, A Estrada / LA VOZ

DEZA

O Goberno central prevé un incremento das prestacións do 2,3 % desde xaneiro

17 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A reforma das pensións que volve vincular o seu incremento anual ao IPC do exercicio anterior, tal e como esixían as plataformas de xubilados que ata a irrupción da pandemia mantiveron unha longa loita nas rúas con manifestacións semanais para esixir unhas prestacións dignas e frear a súa perda de poder adquisitivo, farase notar nos soldos que abonará o Estado a partir de xaneiro. Cos prezos desbocados, especialmente a causa do encarecemento da enerxía, calcúlase que a subida oscilará entre o

2,2 e o 2,3 %, podendo acadar incluso o 2,5 % dependendo de como finalice o ano. Isto supón que os pensionistas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes percibirán entre 15 e 20 euros máis ao mes no 2022.

Estas cifras obtéñense tomando como referencia as pensións actuais e o previsible incremento do IPC do 2,3 %, aínda que poderían variar porque o cálculo se realiza a partir da inflación media dos 12 meses anteriores ata novembro. Partindo desta premisa, as nóminas que máis se revalorizan son, loxicamente, as máis altas que ostentan os residentes en Cerdedo-Cotobade. Nestes momentos percíbese unha media de 875,9 euros por cada pensionista. Esa contía verase incrementada para o próximo ano en 18,4 euros, para situarse xa que logo a media nos 894,3.

É importante destacar que estes datos se corresponden con medias, é dicir, que non todos os pensionistas acadan esa cifra. E que algúns a superan. Pero pódese constatar que as prestacións nas comarcas están en medias moi baixas respecto doutros lugares de Galicia, xa que en ningún municipio os pensionistas acadan a ser mileuristas. Tras Cerdedo-Cotobade a retribución máis alta abónase na Estrada, con 800,3 euros. Se lle aplicamos o incremento do 2,3 % sumaría o próximo ano outros 18,4 euros para chegar a 818,7. Por amais desa barreira de 800 euros situaríase Lalín tras a subida, xa que na actualidade a pensión media neste municipio dezán está en 794,6 euros. En concreto revalorizaríase en 18,2 euros ata os 812,8.

Por baixo de 800 euros

A outra cara da moeda é a que reflicten os concellos coas pensións máis baixas, se que os outros seis restantes logren acadar os 800 euros de media tras aplicar ese 2,3 % para o 2022. Quen máis se achega é Silleda, onde agora a retribución media está en 771,4 euros, logrando unha subida de 17,7 e xa que logo situándose en 789,1. Pola súa banda, en Vila de Cruces pasarase dos actuais 753,8 a 771,1 coa revalorización de 17,3 euros. En Agolada o incremento sitúase de media en 17,2 euros, saltando a pensión desde os 749,5 aos 766,6. A máis distancia situaranse os beneficiarios desta prestación de Dozón, que agora están nunha media de 714,8 euros e saltarán a 731,2 tras a subida de 16,4 euros de media.

Apenas se superan agora de media os 700 euros en Forcarei, onde a subida ás pensións de media será de 16,1 e quedará no 2022 nos 716,7 euros. Pola súa banda, a retribución máis baixa na actualidade percíbena os pensionistas de Rodeiro. Cobran unha media de 685,9 euros. Cos 15,7 de incremento pola revalorización lograrán superar a barreira dos 700 euros e quedarán en 701,6.

A maior prestación, maior incremento da pensión ao aplicarse de forma xeral unha determinada porcentaxe de revalorización. Pero en busca de corrixir polo menos en certa medida ese desequilibrio, desde o Goberno central establécese un maior aumento para as prestacións máis baixas, aquelas que se denominan non contributivas. Estas crecerán un pouco máis que o 2,3 %, en concreto un 3 % o próximo ano. Desa medida beneficiaranse en Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao redor de 1.250 persoas.

Segundo os datos que daba a coñecer o Instituto Xeral de Estatística (IGE) o pasado setembro, ao peche do pasado ano nas comarcas contabilizábanse 1.258 veciños que recibían pensións non contributivas, é dicir, pagas a favor de quen non cotizaron nunca á Seguridade Social ou ben non o fixeron durante o tempo suficiente para facerse acredor dunha prestación pola súa actividade profesional. Nestes casos, a contía fixada sitúase actualmente en 402,8 euros. A aplicación dese 3 % de incremento para o 2022 levará a partir de xaneiro aos seus beneficiarios a cobrar 41,48 euros ao mes.

Datos por municipio

Esas pensións non contributivas corresponden tanto a persoas xubiladas como a aquelas que teñen a prestación por invalidez. O pasado ano na zona o maior número conxunto correspondía a Deza, con 806, mentres eran 452 en Tabeirós-Terra de Montes. Por municipios, contabilizábanse 388 beneficiarios en Lalín, mentres eran 311 na Estrada, 103 en Silleda, 98 en Cerdedo-Cotobade, 43 en Forcarei, 63 en Rodeiro, 106 en Agolada e, para rematar, 23 en Dozón.