A subida da luz dispara os custos de produción na zona: «Tentamos traballar de noite pero non era factible»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

As empresas exploran xeitos de aforrar nuns recibos moi avultados

15 oct 2021 . Actualizado ás 17:21 h.

A subida do prezo da luz repercute directamente en todos os consumidores, pero se aos particulares nos está supondo un aumento considerable no recibo, ás empresas, sobre todo a aquelas que dependen maioritariamente deste tipo de enerxía para a súa produción, o pagamento da luz está sendo a causa de moitas dificultades.

Algunhas firmas da zona están a explorar posibles xeitos de aforrar no recibo, pero non é doado porque os horarios de produción esténdense, nalgúns casos, a 24 horas nunha xornada continua sen paróns. Acender e apagar as máquinas tampouco é unha opción nalgúns casos.

Un dos problemas xeneralizados para as empresas da zona é que moitos dos seus encargos e traballos son contratos cun prezo pechado hai meses e á hora de entregalos ou executalos enfróntanse á necesidade de asumir eses incrementos da enerxía. A eses suman outras subidas importantes como son as sufridas en diferentes materias primas e as do combustible.

O xerente de Prefabricados Faro, Julio Hermida, cifra nun 30 % o aumento da factura da luz na súa empresa. Usan esa enerxía, sobre todo, para o funcionamento dunha amasadora. O incremento estalles supondo, apunta, 500 euros máis no recibo. Unha cantidade asumible, mentres que a subida do prezo do ferro levoulles a que o produto se encarecese «nun 10 ou nun 15%», afirma. A pesar diso, a firma decidiu manter os prezos dos contratos asinados.

Pablo Pedreira é o presidente do Grupo Are con canteiras en Vila de Cruces, Lalín e Melide. Dependen en gran parte da enerxía eléctrica para o seu traballo diario e o funcionamento da maquinaria que machuca a pedra que se extrae. Explica que «tentamos traballar de noite para poder aforrar pero non era factible e o rendemento era moi pouquiño». Ademais, apunta, «se tes unha avaría, tes que parar e é imposible arranxala xa». Outros inconvenientes de realizar o traballo nocturno «é que o traballar con moita maquinaria pesada hai un maior risco», sumado ao plus que deben pagar aos seus empregados e a iluminación da zona de traballo. O da canteira é un traballo á intemperie que é moito máis incómodo.

Probaron tamén con cambios de horario diúrno que aproveitasen as zonas vale pero «nos traballamos con moita potencia e xa iso nos penaliza, ademais parar e acender as máquinas tamén ten un custe». Probaron mesmo con traballar as fins de semana «pero non era suficiente» e agora, indica, «estamos tentando facer xornada continúa».

Na canteira de Lalín, apunta, «aínda seguimos sen que nos cheguen os recibos pero na de Melide pasamos de pagar 13.000 ou 14.000 euros a pagar 23.000 ou 24.000 euros, 10.000 euros máis, unha tolemia». Pedreira sinala que «tes compromisos adquiridos e parar non é unha opción porque as penalizacións dos clientes son moito maiores e cambiar prezos non podemos».

Explica que «na nosa industria móvese con carburante para os camións, que tivo tamén unha subida moi grande, e con electricidade para os equipos de machaqueo nas plantas da canteira». Asegura que «os custes se nos dispararon o cen por cen porque é unha tolemia, pero agora mesmo toca iso».

Alejandro Barrio, xerente da firma lalinense Metaldeza explica que «a situación non está a ser nada boa e as previsións tampouco, porque agora mesmo o incremento que estamos a ter está a ser moi considerable e imos ter máis de cara ao inverno». No caso da empresa lalinense, fai un par de anos instalaron unha planta fotovoltaicas que ten como obxectivo a produción de enerxía eléctrica e aforrar o que poidan desta forma. Barrio apunta que «producimos enerxía para nós e aínda que non chegamos a producir o 50 % do que necesitamos, amortécenos un pouco o efecto».

A partir de agora e coa chegada do inverno, a empresa notará máis esa subida da luz porque a produción da planta será moito menor. Nos custos de Metaldeza, sinala «a luz supón unha partida importante» que «é complicado poder repercutir porque non é un custo directo e tes contratos asinados». Do mesmo xeito que lle pasa a outras empresas enfróntanse tamén á subida de custos de materias primas.

Para Metaldeza é o aceiro que, explica Barrio, tamén sufriu unha gran subida. Indica que «nalgúns contratos aínda podes incluír a introdución dunha cláusula de revisión de custos, pero sería só no caso do aceiro, no resto é imposible de repercutir». Metaldeza levou a cabo axustes de potencia nos contratos porque «hai unha tarifa nova que vai en seis períodos e fixemos uns axustes nos quilowatts contratados en cada período para minorar a factura», apunta. Teñen dúas quendas de traballo, ás veces a tres, e as máquinas funcionan de forma continúa.