A Seguridade Social gañou 103 afiliados en setembro na zona

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Crecen en 124 os cotizantes do Réxime Xeral e son 36 autónomos menos

15 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Seguridade Social sumou o último mes de setembro nas dúas comarcas un total de 103 afiliados máis, cun crecemento notable no número de cotizantes do Réxime Xeral, con 124 máis, mentres que a estatística guinda un descenso do número de autónomos, con 36 menos. En total, ao peche do último mes, as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes contabilizan 20.311 afiliados á Seguridade Social, dos cales 6.546 achéganos os concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo (que a Seguridade Social na súa estatística continúa reflectindo como independente sen ter en conta a súa fusión con Cotobade). Os 13.765 restantes son os que suman os municipios dezáns de Lalín, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda e Dozón.

Por concellos, o envorco da estatística en positivo xorde do importante crecemento na Estrada do número de afiliados. Suma 104 cotizantes máis pasando de 5.230 a 5.334. Cerdedo perde dous quedando en 243 e Forcarei resta ao total 17 pasando de 986 a 969. As contas guindan unha subida de 85 persoas dadas de alta na Seguridade Social no mes de setembro en Tabeirós-Terra de Montes.

En cambio, en Deza, a conta total de afiliación só subiu ese mesmo mes en 18 persoas. Por concellos, só Silleda, Vila de Cruces e Agolada tiveron cifras positivas. A máis avultada foi a de Silleda con 52 cotizantes máis contabilizando un total de 3.514 fronte aos 3.462 de agosto. En Vila de Cruces acadáronse os 1.397 tras sumar once en setembro e en Agolada son catro máis, chegando a 528.

A redución máis grande produciuse en Lalín, con 39 afiliados menos, pasando de 7.029 a 6.990. En Dozón son oito menos, quedando a conta en 343 e en Rodeiro resta dúas, co que o número total é de 993 ao peche de setembro.

O número de afiliados do Réxime Xeral ascende na zona a 12.378 fronte aos 12.254 de agosto. Son 8.238 en Deza, 39 máis que o mes anterior e 4.140 en Tabeirós-Terra de Montes, o que supón un crecemento en 85 persoas en setembro. Por concellos, son 90 máis na Estrada, que chega aos 3.380; seis máis en Cerdedo, con 165, e once menos en Forcarei, que queda en 595.

Lalín resta á conta 26 persoas do Réxime Xeral, quedando en 4.454. En Dozón son cinco cotizantes menos quedando en 141 e en Rodeiro son 451, tres menos que en mes anterior. No resto dos municipios dezáns a cifra de afiliados do Réxime Xeral aumenta. Son 51 máis en Silleda que sobe aos 2.228 e dezaseis máis en Vila de Cruces onde se acadan os 728 cotizantes. En Agolada son seis máis chegando a 236.

O inicio do outono deixou na zona unha caída no número de autónomos con 36 menos no último mes e un total de 7.234. Son 24 menos en Deza e 12 menos en Tabeirós-Terra de Montes. En Tabeirós a suma acada os 2.169. Por municipios: son 79 en Cerdedo, cun menos que o mes anterior; 1.739 na Estrada, onde baixou en catro, e sete menos en Forcarei, con 351.

Na comarca de Deza son 5.065. Destes 2.322 achégaos Lalín que restou nove en setembro. En Dozón son 196, un menos que o mes anterior e 270 en Agolada, que restou tres no último mes. Son tres menos en Silleda, con 1.155 e oito menos en Vila de Cruces, que conta con 614 autónomos. En Rodeiro, o total non variou no último mes e mantense en 508.

Tamén suman afiliados o Réxime Agrario que conta en Lalín con 113 afiliados. Son 55 na Estrada, 49 en Silleda, 25 en Rodeiro, 14 en Agolada e 27 en Cruces. No de empregados do fogar é A Estrada, con 160, o concello que suma un maior número de afiliados, seguido de Lalín con 101, Silleda con 82 e Vila de Cruces con 28.

20.311

Total

TextoPicipient. Ossimus, sum fugia quis dolori optate

12.378

Réxime Xeral

TextoPicipient. Ossimus, sum fugia quis dolori optate

7.234

Autónomos

TextoPicipient. Ossimus, sum fugia quis dolori optate