Os institutos de Deza retoman os Erasmus e os intercambios

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Agárdase que algúns dos encontros con outros países poidan ser xa presenciais

03 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Desde o inicio da pandemia, os institutos viron recortada de forma drástica actividades tan enriquecedoras como os intercambios con alumnos doutros países, enmarcadas moitas deles, dentro de proxectos Erasmus que traían consigo experiencias inesquecibles e unha importante aprendizaxe. Foron practicamente dous cursos sen excursións e con saídas moi limitadas xa que as poucas que se celebraron foron a finais deste curso, a lugares próximos e en grupos reducidos.

Cos estudantes vacinados e á espera de ver como evoluciona a situación e a pandemia, os institutos da zona retoman xa proxectos de intercambio, algúns deles xa iniciados en cursos pasados. De momento os encontros e os contactos seguirán sendo virtuais pero os profesores confían en que, de aquí ao final do ano escolar, a situación sanitaria mellore e sexa factible organizar e realizar algún encontro presencial, tanto con algunha posible saída a outro país como o recibimento de alumnos de fóra. Para os docentes, unha das cuestións que máis preocupa é poder articular as medidas necesarias para garantir a seguridade. A ilusión e a esperanza de poder facelo, de momento, está moi viva.

No IES Pintor Colmeiro teñen en marcha o proxecto Erasmus R. E. F. U. G. E. que ten como obxectivo, apunta a coordinadora desta iniciativa no centro, a profesora Laura López Pena, animar aos participantes a reflexionar sobre a situación da inmigración en Europa, facendo fincapés na importancia das accións e as condutas diarias que favorezan a integración, a inclusión e a non discriminación. O instituto silledense desenvolve este programa con outros tres centros europeos. Son o Berufskolleg für Wirtschaft und Verwaltung Brilon deas Hochsauerlandkreises, da cidade alemá de Brilon, que se encarga de coordinar o proxecto. A este súmase o ITIS Polo Tecnico Fermi-Gadda de Nápoles, en Italia, e o Liceul tecnologic aurel vlaicu en Lujoj, Romanía.

O pasado mes de abril iniciouse esta iniciativa cun encontro virtual e en novembro está previsto a realización doutro. En febreiro, agardan poder viaxar e poder ir visitar aos participantes dalgún destes países ou recibir aos de fóra. Os participantes do proxecto son os mesmos alumnos. O ano pasado estaban en terceiro da ESO e este ano en cuarto.

O IES Laxeiro de Lalín continúa en marcha o proxecto titulado As catro C's a través dos xogos tradicionais. Tiña unha duración de dous anos, pero acábase de ampliar once meses máis dado que coa pandemia non foi posible realizar os intercambios presenciais e as actividades, que foron moitas, limitáronse á modalidade virtual. Participa un centro de Adana, en Turquía; outro de Torres Vedras, ao lado de Lisboa; un en Frosinone, a 80 quilómetros de Roma; Panos, na illa de Creta e Zgierz, en Polonia. No Aller Ulloa suspendéronse os intercambios o primeiro curso da pandemia e estase estudando a posibilidade de retomar algunha iniciativa.

Unha reunión de docentes en Turquía e estancias no estranxeiro para o profesorado

No Laxeiro, a coordinadora do Erasmus, Mar García, explica que o contacto virtual foi intensivo, sobre todo, entre os profesores. O traballo xa está feito e agardan poder#se ver as caras. O primeiro paso será unha posible reunión de profesores en Turquía, no que se podería falar de xa da posibilidade de realizar algunha viaxe cos rapaces este curso. Nos institutos da zona están á espera dos Erasmus para os ciclos de FP que cada vez teñen máis tirón, como son os promovidos pola Deputación. Nalgúns centros como o Aller hai interese por parte de docentes de realizar algún Erasmus con estancias no estranxeiro. O Laxeiro non perdeu o contacto con institutos cos que tivo intercambios en Finlandia, Milán ou Francia con algún contacto por videoconferencia.