A Estrada bota leña á solidariedade

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

O distrito forestal doa ás familias necesitadas a madeira retirada dos montes locais nas limpezas realizadas para combater os incendios

21 sep 2021 . Actualizado ás 12:36 h.

Na demarcación Tabeirós-Terra de Montes do distrito forestal XVI traballan todo o ano un equipo de profesionais que velan pola saúde dos montes a diario. O seu labor só se fai presente cando cheira a incendio e as chamas convértense en tristes protagonistas dos telexornais. Con todo, a extinción é só unha mínima parte dun traballo inxente e continuo por preservar a riqueza forestal.

Máis aló das épocas de risco extremo de incendios, os axentes ambientais de Medio Rural e as brigadas de bombeiros forestais traballan de xeito conxunto en infinidade de tarefas planificadas para manter baixo control o lume ou para ter todo a punto para poder facerlle fronte se chega. As plantacións de especies autóctonas, a limpeza das fajas auxiliares e puntos de carga de auga, a roza ou apertura de pistas ou a construción de devasa son algunhas delas.

Rozas, limpezas e aperturas de devasas son traballos que, ao longo do ano, xeran unha boa cantidade de madeira. Leña de carballo, de bido, de eucalipto ou de piorno, entre outras, que non se pode comercializar pero que tampouco se pode deixar amontoada no bosque.

«No monte non pode quedar de ningunha maneira porque é material combustible», explica José Luis Barros, que é axente ambiental de Medio Rural na comarca. Segundo conta, ata o momento esa madeira retirada dos montes amoreábase nas bases de operacións que teñen os bombeiros forestais na súa demarcación. Alí, no inverno, utilizábase para alimentar as estufas dos edificios, pero seguía sobrando madeira.

Este ano, as limpezas xeraron máis leña que nunca. Nas bases chegaron a almacenarse uns 10 metros cúbicos de madeira. Aos profesionais do servizo, buscando unha forma de darlle saída, ocorréuselles doala a familias con poucos recursos. Contactaron co departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada e con varias oenegués locais ata que deron con varias familias interesadas na doazón do material para quentar a súa cociña de ferro. Esta semana, os profesionais cargaron o seu primeiro remolque solidario e fixeron entrega ás familias, que este inverno poderán facer lume doméstico coa leña retirada para evitar os incendios.

Reservas dispoñibles

Nas bases de incendios da comarca de Tabeirós-Terra de Montes aínda quedan reservas de leña dispoñibles para calquera familia en situación de necesidade que tramite a petición a través do Concello ou dunha oenegué.

Na demarcación forestal de Tabeirós-Montes traballan de forma permanente catorce persoas. Son sete axentes ambientais da Consellería de Medio Rural e sete bombeiros forestais que integran unha brigada permanente que coida dos montes os 365 días do ano.

Durante nove meses hai outra brigada de reforzo integrada por sete bombeiros e durante medio ano tres equipos máis de catro persoas cada un. No verán, ademais, os convenios entre Xunta e Concellos reforzan a loita contra os incendios con novas brigadas contratadas durante tres meses. Este ano supuxeron vinte efectivos a maiores: dez na Estrada, cinco en Forcarei e cinco en Cerdedo. O seu traballo silencioso é o mellor aliado contra o lume.