Designan como coordinador de Unidade por Rodeiro a Alberte Lamazares

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

31 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Na recente asemblea de Unidade por Rodeiro (UxR) adoptáronse decisións en materia orgánica, coa distribución dalgúns cargos e de áreas de traballo. Como coordinador xeneral da formación designouse a Alberte Lamazares, que encabezou a lista nas anteriores municipais e exerce como portavoz municipal, mentres que Xandra García Hermida será a responsable de Contas.

Respecto das áreas de traballo, constituíuse a de Reto 21, con Xulia Dacal como responsable da súa coordinación. Contará con outras catro presentas máis por cada unha das subárea previstas: sector primario e monte; cultura, educación, deporte, medio ambiente e patrimonio; servizos sociais e acompañamento; e desenvolvemento local e económico. Esas catro presentas pendentes de seleccionar debaterán sobre os temas previstos en cada unha delas, baixo a citada coordinación de Xulia Dacal.

Haberá unha área específica denominada eólica, con esa competencia exclusiva ao considerar Unidade por Rodeiro que se trata dun tema de especial relevancia ante os proxectos en marcha de novos parques de aeroxeradores no municipio. Á fronte estará Constantino González. Para rematar, unha terceira área de traballo tamén será monotemática, ao redor dos servizos básicos do rural, aínda que este caso contará con dous responsables, Miguel Conde e Pepe Rodríguez.

Os asistentes á asemblea aprobaron ademais os estatutos de UxR, que definen á formación como «progresista, aberta, igualitaria e con carácter transformador».