Rapa dás Bestas anuncia unha Rapa con «aforo moi reducido» e venda de entradas anticipada

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

DEZA

miguel souto

As localidades ofertaranse tras ultimar o protocolo anti covid

04 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Asociación Rapa dás Bestas de Sabucedo informa de que a venda ao público das entradas para asistir aos curros do sábado 28 de agosto (18.00 horas) e do domingo 29 (12.00 horas) realizarase exclusivamente de forma anticipada a través da páxina web rapadasbestas.gal. A venda de entradas non se abrirá ata que estea ultimado o protocolo anti Covid-19 que se está elaborando para «garantir o cumprimento da normativa sanitaria e priorizar a saúde de todas as persoas implicadas».

A data de apertura da venda en liña das entradas anunciarase debidamente nas próximas semanas a través das redes sociais e os medios de comunicación. O prezo das entradas será de 11 euros máis os gastos de xestión da plataforma de venda.

A pesar de que aínda se descoñecen os detalles do protocolo anti Covid-19, desde a asociación Rapa dás Bestas avanzan que «o aforo do curro será moi reducido». Anticipan ademais que as restricións sanitarias obrigarán tamén a «limitar notablemente» a acreditación de medios e profesionais da comunicación.

Sen fotógrafos na area

Neste sentido, avanzan que o prazo de acreditación tamén se dará a coñecer proximamente nas redes sociais e advirten que, como norma xeral, e excepto para casos puntuais autorizados pola asociación, nesta edición non se permitirá aos profesionais gráficos baixar ao curro para captar imaxes entre as bestas.

Todo apunta a que a persistencia da crise sanitaria, coa variante delta en pleno apoxeo e os novos contagios engrosando unha cuarta onda que non respecta nin ás persoas xa vacinadas, imporá unha edición inusual de Rápaa dás Bestas. Haberá, como sempre, subida ao monte para localizar aos cabalos salvaxes e conducilos ata Sabucedo, pero a afluencia ao curro limitarase para garantir a distancia de seguridade e evitar que a Rapa puidese converterse nun foco de contagios. A estampa das bancadas tomadas por centos de espectadores atentos ao curro terá que agardar outro ano máis.