Buscan carpinteiros novos en paro para cubrir unha das oito prazas ofertadas polo obradoiro da Estrada

La Voz A Estrada / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

O taller de emprego mellorará a contorna natural da praia fluvial de Liñares

03 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha das prazas da especialidade de carpintería ofertadas para o obradoiro de emprego xuvenil que comezará este mes na Estrada quedou deserta. A comisión encargada de seleccionar ao persoal participante no taller de emprego reuniuse nos últimos días para determinar o resultado do proceso en función do baremo e da puntuación obtida na entrevista por cada candidato. No caso da especialidade de xardinería e forestal concorrían nove candidatos que se disputaban as oito prazas ofertadas. Un deles quedará de suplente. Na especialidade de carpintería, en cambio, só había oito candidatos preseleccionados polo INEM, un por cada unha das prazas ofertadas neste módulo. A renuncia presentada a última hora por un dos aspirantes deixou vacante unha das prazas no obradoiro de emprego. Por esta razón, a comisión de selección solicitou á oficina de emprego que remita máis candidatos da especialidade de carpintería para poder cubrir a vacante.

O taller de emprego xuvenil está dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade. Terá un ano de duración e ofrecerá aos participantes formación teórica e práctica remunerada. A data de inicio prevista para a actividade é o venres da próxima semana, día 13 de agosto.

O obradoiro de emprego centrará a súa actividade na mellora e acondicionamento da praia fluvial de Liñares. O módulo forestal e de xardinería encargarase de recuperar e ampliar a zona de areal e a vexetación da contorna. Pola súa banda, o módulo de carpintería construirá novo mobiliario para este espazo natural.