Borja Míguez volve vestirse de rojillo

d. c. A Estrada / LA VOZ

DEZA

miguel souto

24 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Estradense confirmou a súa terceira fichaxe estival co regreso de Borja Míguez (Santiago, 1998), que tras o seu paso polo Arzúa volve á que foi a súa casa durante tres tempadas, debutando coa indumentaria rojilla na Terceira División. Ilusionado, o dianteiro santiagués afronta esta etapa con máis ganas que nunca, feliz por reencontrase cun grupo do que garda grandes recordos.

«En canto recibín a chamada do Estradense rexeitei todas as demais ofertas que tiña sobre a mesa», afirma Míguez, agradecido cun club ao que lle debo todo», asegura. «Na Estrada pasei os mellores anos da miña curta carreira deportiva e volver cos meus amigos é algo que me tirou moito para aceptar», recoñece. Precisamente o ambiente do vestiario e a súa estreita relación co persoal fan deste regreso un acontecemento tan especial para el. «Asinei porque é unha familia, teño verdadeiros amigos aquí. Non hai un vestiario mellor en ningún lado», sinala Borja.

Non só os seus antigos compañeiros foron claves no seu regreso, tamén o corpo técnico, do que destaca o traballo realizado con el. «Alberto é o adestrador máis importante que tiven, é un corpo técnico de moitísimo nivel. Por exemplo, Manolo Blanco é un preparador físico xenial, dos mellores que tiven. Cando confían en ti, é moito máis doado», sostén.

O ariete aterra de novo na Estrada tras un complicado paso polo Arzúa, no que as idas e vindas de técnicos acabaron minguando os seus minutos. «Foi unha tempada difícil porque pasei de xogar moito a nada cos cambios de adestrador. Aínda que co que xoguei aínda rendín bastante ben», confesa.

No conxunto do Viso Míguez anotou sete goles en 1.919 minutos, cifras que agarda mellorar a próxima tempada nun Estradense do que asegura «atópase no mellor momento da súa historia».