As vendas de test de antígenos tiveron tirón e xeran interese

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel souto

Algunhas farmacias onte aínda non dispuñan deles e queixábanse de falta de subministración

23 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Onte empezábanse a vender os test de antígenos nas farmacias e, aínda que na zona non houbo avalancha, si se rexistrou demanda. Aos que os compraron sumáronse outros moitos que realizaron consultas sobre o tema aos farmacéuticos. Nas boticas explican que xa nos últimos días a xente preguntaba moito. E facíano non só os que acudían ao establecemento senón que a estes se sumaban tamén veciños que chamaban por teléfono.

Onte volvérono facer moitos, nalgúns casos para asegurarse de que a farmacia á que chamaban dispuña de subministración, porque de feito houbo establecementos que onte aínda non dispuñan deles. Pasou en varias da zona.

Algúns farmacéuticos queixábanse onte de que estaban a atopar con dificultades para conseguir os test de antígenos e sinalaban que lles mandaban moi poucos (algún falaba dun un día ou tres ou catro cada día) atopándose cunha dispoñibilidade de dose moi limitada ou directamente cun desabastecemento.

Na Estrada sinalaban que despois de recibir múltiples consultas e preguntas nos últimos días, onte pola mañá a xornada estaba a ser tranquila aínda que se empezaron a despachar xa test. Os farmacéuticos supoñen que as vendas crecerán máis hoxe venres, a fin de realizar a proba máis preto da fin de semana e poder acudir a festas de todo tipo, eventos ou calquera reunión familiar cunha maior seguridade.

De feito, entre os primeiros compradores de test de antígenos nos diferentes municipios de Deza e Tabeirós-Terra de Montes abundaron os mozos de contorna aos 20 anos, pero a clientela deste tipo de produto non foi só de xente desa franxa de idade. Tamén acudiron persoas de mediana idade, de 40 anos para arriba. Nalgúns casos apuntaron que os test eran para os seus fillos. O que se busca é tranquilidade e un resultado rápido. O prezo varía na zona desde os algo máis de 5 euros ata algo máis de 8 de media e depende de cada establecemento da zona. Onte nas farmacias atendéronse moitas consultas sobre como facer o test, o tempo de espera e que facer se o resultado é positivo. As vendas, din, van crecendo.

Os farmacéuticos da zona resaltan que os test de antígenos son unha ferramenta máis para frear o virus e apelan á responsabilidade da cidadanía. Algúns coinciden na opinión de que creen que sería mellor que se puidesen controlar os resultados nas farmacias porque aínda que consideran que a maioría da xente, en caso de positivo, actuará con responsabilidade e en consecuencia, poida que haxa quen non o faga, obviando o resultado, co perigo de contaxio e de expansión do virus que iso suporía.

Están tamén á espera de poder emitir certificados do resultado das probas dos test de saliva. Algo que tería que autorizar a Xunta. Un tipo de test gratuíto cuxa demanda nas farmacias empezou a repuntar nas comarcas en canto empezaron a crecer os casos.

Tranquilidade para acudir a comuñóns, vodas ou para pasar uns días cos avós

Nas farmacias da zona os clientes que levaron un test de antígenos coincidiron na principal razón: ter unha tranquilidade e saber que non estaban infectados de cara á realización de calquera actividade. Houbo un pai que os comprou para ir a unha Comuñón, quen levou algúns para facerlle o test aos seus fillos antes de deixalos uns días cos avós ou quen fixo o mesmo antes de viaxar cos nenos a gozar da praia cos seus curmáns.

E o mesmo que coas Comuñóns pasa coas vodas que se celebrarán esta fin de semana ás que se suma algunha festa á que teñen pensado acudir, sobre todo, os máis novos. Pero do mesmo xeito que nas farmacias do centro urbano, nalgunhas do rural os test tamén atoparon demanda incluída a venda a algún maior que llo levaba «para telo na casa por si acaso» e o dalgún pai que acudiu a comprar un para o seu fillo que estaba un pouco acatarrado e desta forma, saír de dúbidas..

Na zona constatan o aumento nas última semanas das demandas de test de saliva. E aínda que o resultado desta proba é máis completo, o tempo de espera é tamén máis longo e pode ser de 24 a 48 horas.