A meteórica carreira política con 22 anos do novo gandeiro de Barcia

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Avelino Souto asume a coordinación de Medio Rural no PP galego

18 jul 2021 . Actualizado ás 23:37 h.

A algún a súa meteórica carreira política lévalles a establecer certos paralelismos con José Crespo, un dos seus mentores. Ao actual alcalde tocoulle recalar no cargo case sen tempo para pensarllo, polo ascenso á Xunta de Xosé Cuíña. Con máis planificación aínda que a un ritmo tamén frenético semella discorrer o devir de Avelino Souto Rozados. No congreso do Partido Popular de Galicia que baixaba onte o pano en Santiago foi nomeado coordinador de Medio Rural. Con tan só vinte e dous anos ostenta un posto orgánico de responsabilidade, que en moitas outras áreas están en mans de conselleiros, directores ou secretarios xerales ou deputados tanto nacionais como autonómicos.

Sin duda que a designación de Avelino Souto supón unha sorpresa pola súa mocidade e dado o peso que ten o rural en Galicia. Toda unha aposta de futuro de Alberto Núñez Feijoo no remocicado organigrama do PPdeG. Un novo posto orgánico para Souto Rozados, que xa estaba no comité autonómico do partido como representante de Novas Xeracións, ao ser secretario xeral da provincia pontevedresa desde o 2018. Unha formación política á que se afiliou fai tan só catro anos da man de Crespo, quen ten depositadas esperanzas de futuro nel tras o necesario período de adaptación á política activa. Formou parte da candidatura dos populares lalinenses no 2019 no posto noveno da lista, onde cultivaban a maioría absoluta, para entrar xa que logo no goberno local, onde ostenta carteiras como a de Deportes e de Agricultura.

Avelino Souto converteuse co discorrer do mandato nunha das dianas habituais da oposición, que cuestionou en máis dunha ocasión o soldo que percibe en relación coa actividade que desprega. Mantivo ou mantén diversos cabalos de batalla abertos, entre os máis recentes o estado do Lalín Area e a súa cuberta, o atraso na apertura das piscinas exteriores ou a decisión de organizar no multiusos os concursos de Feiradeza o próximo setembro. Ao edil popular non lle han arredrado en ningún momento esas constantes críticas, con capacidade de saída en case todos os casos.

O novo coordinador de Medio Rural no PPdeG conta a pesar da súa mocidade cun significativo protagonismo como gandeiro, tras a súa formación en Fonteboa completada no Canadá. Desde moi pequeno acumula numerosos premios como manejador de vacas, entre eles algún a nivel internacional, como un terceiro posto no Europeo do 2019, ademais de campión nacional no 2013, o 2016 ou o 2018. Todo un apaixonado do mundo rural no que puxo o ollo Feijoo, que foi nomeado presidente do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia no 2018 e que foi seleccionado para a iniciativa XERADORES, coa que se buscaba dar voz aos mozos para contribuír á construción do futuro de España. Agora os seus esforzos están centrados en Lalín e Galicia.

Tres alcaldes, Luis López e Pablo Ferradás

A cota da zona na nova estrutura orgánica do PPdeG complétase con outros catro nomees propios, ademais do de Avelino Souto. Destaca entre eles a designación do lalinense Pablo Ferradás, que ostenta a xefatura do gabinete da Consellería de Educación, como coordinador de Acción Institucional. Entre os vogais por designación directa do presidente Feijoo figuran delegados territoriais da Xunta, entre eles o dezán Luis López. O rexedor da Estrada, José López, figura na xunta directiva, e os de Lalín, José Crespo, e Cerdedo, Jorge Cubela, son vocais.

«A vida na política actual é moito máis efémera e cambiante, de repente estás amais como abaixo»

Na voz de Avelino Souto mesturábase o nerviosismo pola tarefa asumida como o empurre de quen está disposto a asumir o reto. De regreso ao seu Barcia natal para gozar en familia dunhas festas na parroquia lalinense que non son festas pola pandemia, aseguraba que o propio venres, cando comezaba o congreso na capital compostelá, anunciáronlle a proposta de que asumise a coordinación de Medio Rural. «Da algo de medo e teño certo mal de altura, pero estou moi contento de que confiasen en min porque noutras áreas están ao fronte conselleiros, como en Sanidade ou en Medio Ambiente e vai ser todo un reto», apuntaba o concelleiro.

Incidía en que desde un primeiro momento en que se afiliou no PP estivo involucrado a nivel orgánico no partido e que lle chamará Feijoo para este novo cargo «é todo un orgullo e isto nin se acepta nin se rechaza, simplemente se fai». Agarda achegar a súa humilde visión do mundo rural, onde se asintan -dixo- as constantes vitorias do PPdeG nas eleccións autonómicas, coa achega de cada integrante do partido.

Destacaba ademais con humor a broma do presidente do PPdeG cando apareceu a súa imaxe nas pantallas xigantes co nomeamento, apuntando Feijoo que non era unha imaxe antiga senón actual, dos seus só vinte e dous anos. Por certo, que non estaba moi contento Souto Rozados coa escollida. Declinaba valorar como meteórica a súa carreira insistindo en que «a política actual é moito máis efémera e cambiante, de repente estás amais como abaixo e cando antes empeza antes acaba, xa non e como ocorría antes». Aludiu a que despois de catro anos, hai saídas de compañeiros e entradas como a súa.

Avelino Souto pretende impulsar o medio rural desde o principal partido de Galicia, porque «o PP somos xente do rural por moito que queiran abandeirar esa distinción outras formacións». Entre os seus obxectivos a vuelapluma, xa que aínda ten que dixerir o que lle vén amais , figura mellorar a situación dos gandeiros, potenciando a súa formación, ademais de dar solución a problemas graves que afectan ao rural como os ataques de xabaril e lobo, escoitando aos principais afectados para tomar decisións adecuadas aos seus intereses. Recuperar terreo abandonado cunha ordenación que favoreza o seu uso e dar servizos para asentar poboación son claves.