O Parlamento galego demanda melloras no mercado gandeiro de Semana Verde

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

12 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Parlamento de Galicia aprobou onte unha proposición non de lei do PP para instar a Xunta a implantar un programa de mellora, modernización e adaptación das instalacións dos mercados de gando galegos, entre eles o de Semana Verde en Silleda. Propoñen acometer actuacións nos autorizados como centro de concentración para intercambios intracomunitarios, en especial en cuestións relativas a benestar animal.

O deputado popular, Rubén Lorenzo, incidía na necesidade de adoptar medidas encamiñadas a mellorar o benestar dos animais nos mercados gandeiros con consideración nacional, como Silleda, Santiago e Castro de Rei. Expón unha liña de axudas para mellorar as infraestruturas e os equipamentos destes mercados, así como servizos destinados ao benestar das reses a poxa. «O estrés propio causado polo traslado dos animais, xunto ao producido pola súa mestura nos recintos do mercado dos distintos rabaños e o derivado do cambio de ambiente e o manexo, provoca que as instalacións se consideren como puntos sensibles no benestar e deben ser tratados con especial consideración», dixo.