Cultura descatalogará de oficio o falso menhir de Agolada

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

A decisión foi xa comunicada ao propietario da leira por Patrimonio

10 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta corrixe xa o erro derivado da catalogación como menhir de pedra situada nunha leira no lugar do Valadoiro, na parroquia de Santa Comba de Agolada. A Consellería de Cultura actuará de oficio descatalogando xa de forma inmediata este elemento que recuperará desta forma a súa condición de pedra ordinaria.

A decisión foi xa comunicada ao propietario do terreo por parte da dirección xeral de Patrimonio, dependente da Consellería de Cultura. Tras facerse público a situación e a orixe deste falso menhir o pasado domingo, o luns a Xunta enviaba xa á leira a un técnico de Patrimonio que se encargou de analizar este anaco de granito e realizar o correspondente informe.

A descatalogación deixará á comarca dezana sen menhires, xa que ao parecer este era o único catalogado. En Galicia non hai moitos. Un deles é o de Lapa de Gargantáns, descuberto en 1958 no Concello de Moraña. Ten dous metros de altura, forma cónica e gravados a ambos os dous lados. Co tempo moitos dos menhires acabaron servindo de división a terras ou territorios.

A corrección en marcha da Xunta pon fin aos problemas do propietario do terreo que descubriu a existencia do suposto menhir tras pedir prezo para unha acometida eléctrica que lle custaba 17.000 euros ao ter que desviar e enterrar a liña por mor da protección do terreo, que agora deixa de ter.