A Estrada queda libre de covid-19 e Lalín baixa a 44 casos activos tras tres días de subida

La Voz A Estrada, LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O covid-19 deu tregua onte en Lalín, que tras tres días consecutivos en subida logrou un descenso de dous casos, quedándose con 44 activos. Desta forma, a incidencia acumulada nos últimos 14 días baixa a 178 casos por cada 100.000 habitantes, o que afasta á capital dezana dos 250 casos acumulados que poderían supor un novo endurecemento das restricións sanitarias.

Namentres, na Estrada, dos dous casos activos do venres, un recibiu a alta e o outro resultou ser un falso positivo. O mozo dera positivo nun test de antígenos realizado por síntomas compatibles co covid-19. Posteriormente deu negativo nas dúas probas PCR que se lle practicaron e nunha serológica. O municipio queda de novo libre de coronavirus. Existe, no entanto, un caso vinculado ao Concello, o dunha traballadora da escola infantil a Galiña Azul que deu positivo esta semana pero que non é da Estrada. O caso obrigou a pechar dúas aulas da gardería e a illar a 17 nenos e dúas educadoras.

En Silleda rexistráronse 13 novos positivos de covid nos últimos 14 días e en Cerdedo-Cotobade foron 12. O resto dos concellos da zona -Forcarei, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón- levan semanas libres de contagios.

Nos centros educativos hai agora dez casos: o da Estrada, 3 no Laxeiro de Lalín, un no CEIP Xesús Golmar, un no IES Aller Ulloa, un na gardería de Cerdedo e un no CEIP de Silleda, no María Inmaculada e no IES Pintor Colmeiro.