Os alumnos do IES Aller de Lalín enfrontáronse a Lariño ao xadrez

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

O campión e gran mestre pasou a mañá xogando no centro

08 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os alumnos do instituto Ramón María Aller de Lalín puideron gozar onte do xenio de David Lariño xogando ao xadrez e da súa simpatía. Ao longo da mañá enfrontouse cos alumnos e realizou exhibicións. A pandemia obrigou a realizar as actividades de forma diferente. Lariño explica que «xogamos simultáneas, pero con isto do covid houbo que ir por grupos cos rapaces sentados, cada un co seu taboleiro e eu fun xogando con todos á vez. Ao pasar segundo vaia vendo as partidas lles fun explicando algo».

David Lariño defínese como «unha persoa atípica. Son moi raro e moi, moi disperso» e que non lle importa nada falar mentres está a xogar. Recoñece que a súa forma de actuar á hora de xogar non ten nada que ver coas características que se agardan dun gran mestre como é o. «Eu son diferente», afirma.

Empezou a xogar aos oito anos e conta que «foi súper raro. Estaba eu na casa da miña avoa e empezaron a xogar dous tíos meus. Eu vin como xogaban, Aprendín a mover as pezas e empecei a tolear a meu pai que quería xogar ao xadrez ata que un día fíxome caso. Logo explicáronme cal era o obxectivo porque eu sabía como mover as pezas e xa. Explicáronme que o fin era cargarse ao rei ese, mandáronme a un torneo aleatorio e quedei terceiro». Desde entón os seus logros non pararon de crecer. Despois diso xa contou cun adestrador «e o ano seguinte xa era campión de España».

Este xadrecista considera que «o xadrez axudoume a todo na vida pero nos estudos non porque non me entendía nin Cristo e estaba sempre castigado». A culpa, conta, tíñaa o Asperger que «non era tan coñecido e sempre estaba castigado fixera o que fixese, parecía que os vacilaba... e acabei farto e deixando os estudos». Destaca que o xadrez lle axudou «a desenvolverme a pesar do Asperger. Eu case que non era capaz de falar, non entendía nada. Axudoume a estar ben, a facer cousas guays, a relacionarme e a aprender a pensar».

Desde o inicio da pandemia, o coronavirus freou a celebración de torneos. Lariño comenta que o xadrez é a súa vida e na actualidade dá clases, fai algunhas retransmisións e segue competindo nos que aínda se celebran. O día 22 cumpre 31 anos.

David Lariño rompe cos tópicos e sinala que aínda que existe a convicción de que para xogar ao xadrez hai que ser moi intelixente «non é así, hai moitos burros xogando», chancea.

Aos rapaces anímaos a practicar o xogo sinalando que «si che gusta e o desfrutas, da igual o que pase. Vas xogando, valo pasando. Si queres podes ir adestrando e si che gusta é algo moi positivo que che pode axudar moito na vida en moitas cousa».

Unha das cousas que achega o xadrez, sinala, «é que aprendes formas de pensar» e comenta que «eu coñezo a moitos empresarios que din que o xadrez lles axuda moitísimo». O seu consello é: «si che divirte, dálle. Si che aburre como unha ostra, entón non, mellor busca outra cousa».

Do mesmo xeito que ocorreu con outros programas noutros sectores como o da cociña, xa se está notando no xadrez o impacto da serie de Netflix Gambito de dama. Lariño explica que «animou moitísimo á xente a xogar ao xadrez, a moitas rapazas e foi moi positivo».

O IES Aller Ulloa ten hai anos como materia optativa o xadrez. Unha materia que ten moitos adeptos e que fixo que estes últimos anos estea deixando unha pegada nos estudantes,

Hai un mes Lariño gañou o absoluto galego e esta fin de semana xogará o Campionato galego de rápidas. Nas visitas aos institutos como as de onte, apunta, «sempre o paso moi ben cos rapaces». No centro seguro que agardan que volva pronto. Non todos os días se ten a un Gran Mestre en clase.