O Balonmán Lalín sumou o seu primeiro punto na fase ante Trops Málaga

DEZA

miguel souto

Os roxinegros, cun gran papel de Iago baixo paus, mereceron o triunfo (26-26)

17 abr 2021 . Actualizado ás 22:46 h.

O Balonmán Lalín sumou o seu primeiro punto na fase pola permanencia ante o líder do grupo, o Trops Málaga. O choque concluíu con 26-26 nun final de infarto. Con ese resultado e a falta de poucos segundos, o porteiro visitante detiña un lanzamento de Ramón e na última xogada os andaluces forzaban un penalti. Co tempo xa cumprido Iago detiña o lanzamento de Caballero, o pesadelo para os dezáns durante todo o encontro, tras asinar 16 dos 26 goles do seu equipo. Unha parada que fixo un pouco de xustiza nun partido onde os roxinegros mereceron a vitoria e onde Aser se destapou coa arma oculta en ataque, empregado ata agora practicamente só en defensa. Ademais, outro feito relevante foi a enorme cantidade de penaltis pitados tanto a favor dun como doutro equipo.

De saída xa sorprendía a presenza de Durán baixo paus, tras varias xornadas de Tomás Villarroel como titular. O choque empezou sen demasiado ritmo, cos malagueños dispostos a retardar o xogo en busca da efectividade dos seus lanzadores en estático, mentres mostraban atrás unha férrea defensa. O tenteador fluctuaba cun gol ou dous de vantaxe visitante, con algún empate, ata que o Málaga se foi de catro no minuto 23, con 11-15. Entrada Iago na recta final, coa primeira das súas moitas paradas no encontro e ao final rematábase cun 14-17 que deixaba todo aberto para a segunda metade.

Os dezáns saíron con ganas e conseguía igualar, 17-17, e pórse por diante, 19-18 no minuto 6. Chegaba despois a incomprensible expulsión de Bruno, nunha xogada da que houbo moitas máis no partido. O choque marchaba igualado, con 23-23 no minuto 22. O adestrador visitante pedía tempo morto, pero non fornecía efecto e chegaban vantaxes dun gol para os locais. A última, o 26-25 asinado por Ramón. Parecía posible o triunfo, ante un conxunto visitante que parecía máis canso, pero que logrou igualar. A falta de 28 segundos houbo tempo morto de Cacheda e a falta de 7 do técnico andaluz pero, como xa contamos, o marcador non se moveu nese minuto final de infarto no Area.

?

Durán, Adrián, Rubas (1), Aser (6), Roberto Álvarez (2), Román (5), Losón -equipo inicial-, Tomás, Iago, Ramón (4), Bruno, Jorge (2), Tate, Porto (4), Pedro (1) e Celso

?

Oliva, Cabelo (16), Muñoz (2), Daniel (2), Payá (3), Lamarca, Etayo -equipo inicial-, Pol, Pablo (1), Enrichk, Artes, Carlos (1), Armada (1), Portela, Álvaro e Bandeira

TENTEADOR CADA 5 MINUTOS: 1-3, 6-6, 8-10, 9-12, 13-15, 14-17 (descanso); 17-18, 19-19, 20-21, 21-23, 24-23 e 26-26 (final).

ÁRBITRO: Raúl Oyarzún e Aritz Zarageta. Mostraron vermella a Bruno e excluíron a Adrián, Tate, Porto e Celso; e en tres ocasiones a Daniel e unha a Muñoz, Portela, Artes e Armada.