Unha estradense abre unha farmacia fronte ao hospital de Barbanza

a. l. RIBEIRA / LA VOZ

DEZA

CARMELA QUEIJEIRO

17 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Tiveron que pasar case 14 anos para que a parroquia ribeirense de Oleiros volva contar cunha farmacia situada nun lugar bastante estratéxico, posto que se atopa fronte ao hospital de Barbanza, na estrada de Salmón. No último concurso da Consellería de Sanidade para distribuír as novas licenzas das boticas -que se tivo que atrasar debido á pandemia- saíu a oferta desta praza, que se adxudicou a unha veciña da Estrada, Margarita Goldar.

A farmacéutica confesa que coñecía a zona, e que entre as opcións que lle daban a elixir pola puntuación do seu expediente foi a que lle pareceu máis interesante, «porque ten unha localización moi boa, preto do hospital, e atópase nun municipio de costa, que era a miña preferencia fronte a un do interior». Aínda que podería ter escollido calquera local da parroquia para abrir a súa botica, Goldar non o dubidou e optou por un establecemento que xa funcionara como farmacia con anteriormente. Despois de varias semanas de obras, este xoves puido reabrir por fin as súas portas.

Primeiros clientes

A veciña da Estrada recoñeceu que, para ser o primeiro día, tivera unha clientela considerable, pero agardaba que esta seguise crecendo a medida que se vaia coñecendo que xa se retomou a actividade nesta farmacia.

Polo momento funcionará con horario partido, entras as 9.30 e as 15.00 e de 16.30 a 20.00 horas, de luns a venres; mentres que os sábados atenderá de 10.00 a 14.00 horas.