A Deputación aposta por Toiriz como referente cultural e turístico

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

A musealización do castro de Silleda foi supervisada por Carmela Silva

16 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, supervisou onte as actuacións de musealización levadas a cabo en Castro Toiriz en compaña do alcalde de Silleda, Manuel Cuíña. Silva achacou as críticas e o rebumbio levantado polos traballos no seu día á crítica política e a opinións «subxectivas» preguntándose se «unha soa persoa pode dicir que estaba isto mellor que antes?» e afirmando que os traballos supuxeron «un cambio transcendental que pon en valor o patrimonio arqueolóxico». Afirmou que «este non era un proxecto arqueolóxico, non pretendíamos que fose unha actuación arqueolóxica. Está nun espazo fermosísimo, a paisaxe namora e ten a pegada da historia» sinalando que «a min non é que me guste, encántame a intervención que se fixo aquí».

Carmela Silva defendeu «a altísima calidade arqueolóxica con altos estándares» e a longa traxectoria, con importantes premios e recoñecementos, da empresa adxudicataria. Desta firma apuntou que a obra «a fixeron arqueólogos, o seguimento o fixeron arqueólogos da Deputación e se fixo con todos os informes favorables de Patrimonio da Xunta» destacando que «a obra está moi ben feita e con moita calidade».

O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, agradeceu á Deputación e ao Ministerio de Fomento esta actuación e tivo palabras de agradecemento para os propietarios dos terreos afectados, especialmente para Alfredo Abeledo «que puxo toda a súa vontade para que este proxecto se levara a cabo» e para a asociación amigos do castro de Toiriz que durante anos traballaron pola posta en valor deste enclave. Cuíña anunciou a intención do Concello de realizar moitas actividades para o público en xeral destacando o goce que poderán ter neste espazo tanto veciños como visitantes.

Un enclave que, dixo, «estará sempre coidado» e unha actuación que «honra o xesto de boa vontade e altruísmo dos propietarios que cederon este espazo a pesar de ter sido presionados directamente polo que se estaba a facer aquí».

Cuíña agarda que esta obra sexa a primeira de moitas outras lembrando que o Concello conta con máis de 30 castros catalogados, dos cales o de Toiriz é o máis grande.

Para Carmela Silva a musealización do castro «é toda unha aposta polo turismo sostible que amosa a cultura, a historia e o patrimonio, un turismo do século XXI que atrae visitantes que queren ter experiencias e vivir emocións».