Minicines Central potencia a afección ao cine coa repartición de 6.000 vales en centros escolares

La Voz A Estrada / LA VOZ

DEZA

miguel souto

11 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Minicines Central, botando man dunha axuda do Ministerio de Cultura para incentivar o regreso ás salas, lanzou unha campaña de bonos de desconto dirixida aos nenos e mozos en idade escolar. Segundo explica Luis Rivadulla, repartiranse 6.000 bonos cos que os espectadores terán un desconto do 20 % no prezo da entrada. Desta forma, o custo da entrada será de 4 euros en lugar dos 6 habituais. Os bonos poderán utilizarse nos cines estradenses ata o día 31 de maio. Rivadulla aclara que aínda que nalgúns figura o 31 de marzo como data de caducidade, serán válidos igualmente ata o 31 de maio.

Os vales xa empezaron a distribuírse entre os centros escolares e chegarán a todos os da Estrada, Silleda, Cruces, Lalín, Forcarei, Cuntis, Vedra, Teo e Cerdedo.

O obxectivo da campaña é favorecer a volta ao cine e crear canteira de espectadores.

Ribadulla está razoablemente satisfeito coa afluencia de espectadores ás salas desde a súa reapertura. «Temos un 25 % do público que tiñamos no 2019, pero estamos abertos e iso xa é moito. Esta campaña pretende ser un empuxón para arrancar. Temos un bo protocolo de seguridade. A xente síntese cómoda e segura e por iso repite», conta. A capacidade é agora de 30 persoas por sala, polo que desde os Minicines Central aconsellan reservar entrada para asegurarse unha butaca. Esta semana proxéctanse Tom e Jerry, Godzilla vs Kong e Cuñados.