A Fundación Neira Vilas convoca o sexto concurso Balbino de Relatos, dotado con 1.500 euros

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

15 feb 2021 . Actualizado ás 20:35 h.

A Fundación Xosé Neira Vilas convocou a sexta edición do concurso Balbino de Relatos, dotado con un premio económico de 1.500 euros e coa publicación da obra por Edicións Fervenza. O prazo para presentar os orixinais remata o día 30 de xuño. Está aberto a todos os interesados que presenten traballos escritos en lingua galega, que terán como temática o rural, o mar e a emigración. O relato ou serie de relatos poden ser reais ou de ficción, inéditos e de autoría propia, con una extensión mínima de 100.000 e máxima de 180.000 caracteres con espazos.

As bases deste certame poden consultarse na páxina web www.concursobalbino.com. O concurso naceu ao abeiro do escritor Xosé Neira Vilas, dándolle o nome da súa personaxe máis emblemática, Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego. Busca estimular a todas aquelas persoas que queiran participar na promoción e difusión de Galicia e a súa cultura, historia ou tradicións. Os orixinais poden presentarse por correo electrónico en formato .pdf no enderezo concursobalbino@gmail.com, sen que poda identificarse á persoa autora do texto. Tamén pode remitirse por correo postal, con cinco copias en papel DIN A/4 encadernadas, con título e asinado cun lema, incluíndo en sobre aparte e pechado os datos do autor.

A obra gañadora será elixida por un xurado profesional de cinco persoas de recoñecido prestixio da literatura e da cultura galega. O fallo darase a coñecer en setembro. O derradeiro gañador do Balbino de Relatos foi José Vázquez Peinó, con Bica de Montouto. Xunto á Fundación Xosé Neira Vilas participan na organización deste certame a Xunta, a Deputación de Pontevedra e os concellos de Vila de Cruces, Silleda e Boqueixón, xunto a Edicións Fervenza.