Móvete reclama accións para crear emprego que axuden a fixar poboación

La Voz A Estrada / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

25 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Movemento Veciñal Estradense (Móvete) demandou onte que se articulen medidas desde o goberno local do PP, «de forma seria e dunha vez por todas», para priorizar que se asenten empresas e crese emprego para fixar poboación. Lamentaron que no terceiro mandato xa de José López «aínda non foi quen de levar a cabo a ampliación pública do polígono industrial de Toedo nin de habilitar axudas para apoiar aos autónomos e pemes locais, que están sufrindo as consecuencias económicas derivas da pandemia».

A portavoz da formación progresista, Mar Blanco , incidiu en que «para fixar poboación no municipio hai que levar a cabo medidas para promover e fomentar actividades económicas, así como dotar de servizos que cubran as necesidades da poboación local». Aludiu a que sen accións efectivas en catro anos «A Estrada baixará de categoría». Blanco lembraba onte que en 1887 era o segundo municipio máis poboado de Galicia só por detrás da Coruña ou que na década dos 50 contaba con 31.000 habitantes, que baixaban a 27.322 en 1981. Pero en catro décadas perdeuse un 24,3 % de veciños.

Desde Móvete esa realidade «débenos levar a traballar en conxunto e de xeito inmediato dende a Administración local en iniciativas que axuden a frear e revertir a situación demográfica».