O PSOE esixe un maior control nunha hostalería que na súa maioría cumpre as normas

La Voz

DEZA

22 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O goberno local deu a coñecer a adopción das novas medidas nunha xunta de portavoces, na que os socialistas esixiron un maior control na hostalería por parte do goberno local, tras recibir queixas de veciños «que denuncian establecementos moi concorridos, sen control de aforos» e con incumprimentos como fumar sen respectar a distancia. Consideran que o Concello non pode tolerar eses comportamentos que «son un perigo para a saúde pública e que, ao mesmo tempo, son unha burla á maior parte dun sector que cumpre estritamente as normativas».

Tamén ven falta de criterio na comisión municipal do covid por pechar a biblioteca para o estudo desde hoxe «mentres o alcalde fala de contratar charangas e actuacións para o Entroido». Recibiron xa queixas de usuarios habituais da biblioteca por un peche que ven «falto de rigor e arbitrario», preguntando por que non se permite estudar alí cando na biblioteca se cumpren todas as medidas establecidas polas autoridades sanitarias, como capacidade reducida, desinfeccións, distancia social e uso de máscaras. «Pechar servizos municipais sen ter para nada en conta aos usuarios é o máis fácil. O máis difícil é xestionar e niso o goberno do PP patina constantemente», indican.

CxL e as actividades do Nadal

Pola súa banda, CxL pregunta ao goberno local tras o peche de parques pola incidencia de positivos en menores se considera adecuados actos como as inauguracións das Aldeas de Nadal ou o tren que percorreu Lalín, «ou considera Crespo que os casos se producen por xeneración espontánea», indaga Cuíña.