Tres empresas da zona entre as 20 apoiadas pola Xunta en Connect-19

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

Son Aerocámaras, Arlit e Elaxtic Comfort & Dreams que puxeron en marcha soluciones innovadoras fronte ao impacto provocado polo covid-19

13 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O programa Connect-19, a aceleradora de pemes especiada na comercialización de solucións innovadoras fronte ao impacto do covid-19 e impulsada pola Xunta e o Parque Tecnolóxico de Galicia, deuse por pechado onte nun acto celebrado en Tecnópole, no polígono ourensán de San Cibrao das Viñas presidido polo conselleiro de Economía, Francisco Conde.

Nese acto presentáronse os resultados conseguidos polas empresas participantes. Entre elas atopábanse tres da zona: Aerocámaras de Lalín, Arlit de Silleda e Elaxtic Comfort & Dreams, con sede en Cerdedo. Conde, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, anunciou que o programa continuará ao longo deste ano cunha nova convocatoria. Subliñou o compromiso do goberno galego con liñas de axudas como o Connect-19 «nas que se están a investir ao redor de 22 millóns de euros».

Especializados en drones, a empresa lalinense Aerocámaras, que dirixe Jaime Pereira, é o operador de drones líder en España. Unha das súas innovacións foi a creación de AeroCovid «un sistema de vixilancia aérea con drones que permite controlar a capacidade e o distanciamento social en espazos urbanos, rurais e naturais, baseado nun algoritmo de intelixencia artificial».

Arlit Deseño e Impresión naceu en Silleda no 2016 sobre os cimentos dun negocio familiar con máis de dúas décadas de historia. Co inicio da pandemia fixeron da necesidade, virtude e reestruturaron a produción para dar cabida á fabricación de produtos encamiñados a ser unha solución para a prevención do coronavirus. De aí saíron pantallas de protección facial, lentes de seguridade, suxeita-máscaras, fundas garda máscaras, biombos anticontagio, mobiliario específico para puntos hixiénicos, dispensadores de gal hidroalcohólicos e vinilos para señaléctica.

Son produtos que están tendo moita venda. A empresa realizou durante estes meses importantes doazóns. Entre elas 6.000 fundas garda máscaras destinadas ao alumnado de Primaria das zonas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

Elaxtic Comfort & Dreams naceu nos anos 60 en Pontevedra e desde o 2007 está instalada en Cerdedo mantendo a súa primeira tenda en Pontevedra. desenvolveron unha tecnoloxía ViralProtect para os seus colchóns e almofadas, que ofrecen protección fronte a virus e bacterias. A empresa sumouse ás firmas que buscan «achegar solucións de protección, prevención e seguridade, desenvolvendo produtos con prestacións específicas que axudan a preservar a saúde das persoas e evitar contagios», explica Alberto González, director comercial da firma na revista na que se recolle a experiencia das 20 empresas participantes pertencentes a diferentes sectores. Estas suman 182 empregos e 25 millóns de facturación en total, e unha facturación exterior de tres millóns de euros.