A oposición obrigou a Xuntos a retirar de novo unha factura

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Aprobadas as mocións de PP e PSOE pedindo axudas para autónomos e pemes

01 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O pleno de Vila de Cruces acabou onte con todos os puntos aprobados. O goberno local de Xuntos foi obrigado pola oposición a retirar de novo, e non é a primeira vez, unha factura para o pagamento de rozas. De novo vos grupos insistiron en que querían saber de forma máis detallada o traballo feito. Onte avanzouse respecto dalgunha ocasión anterior pondo algúns quilómetros en diferentes direccións pero para a oposición iso non foi suficiente. BNG e PSOE querían tamén que se retirase outra factura do pagamento de roupa de traballo para os obreiros de vías e obras do Concello.

A portavoz socialista desvelou que a empresa á que se lle comprou, con sede social en Vilamaior, forma parte do armazón empresarial da que tamén forma parte a que foi contratada polo rexedor para labores de asesoramento, neste caso de comunicación do concello. Os edís criticaron que a adquisición non se fixese a firmas de Vila de Cruces e acusaron o rexedor de facturar para unha cousa e gastala noutra.

O pleno aprobou cos votos do PP e dous votos de dous de Xuntos (o alcalde abstívose) o estudo de detalle de apertura dunha rúa entre os número 59 e 63 da rúa Manuel Iglesias . Aprobouse o inicio de contratación do SAF e o BNG pediu un control cada catro meses da empresa, unha vez adxudíquese o servizo e puntualizou que nos pregos consta o pagamento da quilometraxe a 0,18 cando «é 0,19 dende o 2005». A corporación adheriuse por unanimidade á petición de Boqueixón a Abanca para manter a oficina de Ponteledesma e deuse conta de obras do Plan Concellos.

PP, PSOE e BNG aprobaron a moción presentada polos populares para axilizar o polígono agroindustrial. O portavoz do PP, Jesús Otero, acusa a Taboada de telo parado. Di que leva xa un ano de atraso e recalcou a necesidade de chan industrial.

A edila do PSOE aprobou en solitario coa abstención dos demais grupos a lista de axudas solicitadas para a hostalería e o comercio. A moción do PP, cunha serie de propostas de axudas que abarcaban pemes e autónomos de todos os sectores, foi aprobada por unanimidade. Tamén tiveron o voto unánime da corporación as tres mocións presentadas polo BNG. Unha solicitando o Auto-covid no centro de saúde de Lalín. A outra pedindo que se manteñan os servizos de autobús á Coruña e a terceira para dotar de material de protección fronte ao covid e carteis aos centros sociais.