O Balonmán Lalín incorpora ao porteiro arxentino Tomás Villarroel

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

Xogou cun equipo da máxima división no seu país e coa selección

01 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Balonmán Lalín acaba de formalizar a súa primeira fichaxe estranxeira en anos. E faino para reforzar a portería, unha pretensión xa desde antes de iniciarse a liga. O club roxinegro presentaba onte ao arxentino Tomás Villarroel, de 25 anos, procedente do SAG Villa Ballester, equipo da máxima categoría do balonmán do seu país. Pero o director deportivo, José Antonio Varela Pico, asegurou que seguen traballando en lograr algún reforzo máis, sin duda para a primeira liña, como se barallaba e agora máis tras a lesión de longa duración de José.

Petisco destacou que o xogador chega con moita ilusión para probar no balonmán europeo, procedente dun club que pelexaba polos títulos en Arxentina. Supón a súa fichaxe, dixo, un salto máis de calidade para o equipo apuntando que se demorou máis do previsto por temas burocráticos e o covid-19. Aínda restan algúns trámites, xa sinxelos, pero que poderían impedir o seu debut esta semana co equipo. Ademais resaltou que vén dunha entidade parecida ao BM Lalín, «dunha familia a outra e vamos a axudarlle en todo o que necesite».

Pola súa banda, Tomás Villarroel mostrouse encantando de dar este salto de calidade cara a Europa, como un paso máis para impulsar a súa carreira e regresar á selección arxentina. Destacou a súa velocidade e capacidade de reacción, para recoñecer que non lle preocupa a competencia con Iago e Durán en busca de minutos. Coñece o xogo dos roxinegros a través de vídeos, apuntando que aplicando un sistema parecido ao que utiliza o SAG Villa Ballester, baseándose na defensa e a saída rápida de balón. «Alí non baixabamos de trinta goles por partido e aquí xogan á mesma velocidade, gústame», apuntou, para significar as súas moitas ganas de saltar á cancha.

O novo porteiro roxinegro apuntaba que os contactos comezaron hai algo máis dun mes, pero o tema visados e o covid-19 atrasaron a súa chegada a España. Comezou a xogar con catorce anos no colexio, para despois militar sempre no mesmo club. Chega con ganas de demostrar a súa valía e facerse un oco no balonmán español.

Nova derrota en Burgos

Respecto ao BM Lalín, este domingo encaixaba unha nova derrota, neste caso por 32-29 ante o San Pablo Burgos. Pablo Cacheda incidía onte en que os vinte últimos minutos da primeira parte «

pesaron moito e despois foi insalvable o resultado, porque a cabeza non axuda e non hai confianza plena no que facemos

». Recoñecía que os malos resultados están a pesar e confía no aire fresco que pode supor o novo reforzo.

O técnico tamén confía en cambiar a dinámica co inicio da segunda volta, ante o Uniu Esportiva Sarriá a quen conseguiran gañar en casa. «A ver se nos sae de inicio un bo partido e temos opcións», dixo.