Especies invasoras... perigo non tan afastado

Benito G. Carril

DEZA

30 novs 2020 . Actualizado ás 20:54 h.

A acacia dealbata, a mimosa, é unha bonita árbore ornamental que pola súa coloración e rápido crecemento triunfou na xardinería… pero un bo día, comezou a ser plantada por todas as partes no Ribeiro; proporcionaba unhas varas ideais para os tendidos dos viñedos e mesmo para postes en plantación en espaldera. Así ata que os novos materiais a apartaron definitivamente, pero para entón miles de plantas balizaban as ribeiras do Miño colonizando territorios e favorecendo os incendios forestais.

A cortaderia selloana, o plumacho ou herba da Pampa, chega a España e triunfa como especie decorativa, ata que a partir de 1940 empeza a entrar masivamente polos portos, mesturadas as súas sementes coas importacións de gran de cereal de Sudamérica. Nos 80, os construtores de infraestruturas vena como un bo elemento para a fixación de taludes, a baixo custo e en terreos sometidos a escavación. A, por entón recentemente nada autoestrada Santiago ? A Coruña, é literalmente «plantada de plumacho» e convértese no punto de partida dun problema ambiental de primeira orde.

Son só dous exemplos de especies que son vistas con certa simpatía «estética», non só pola poboación tamén por técnicos, ata que se converten nun gravísimo problema para a biodiversidade, e o seu control impón un custo millonario, non xa para a súa imposible eliminación, senón para un simple control e para mantela en parámetros aceptables para a supervivencia de especies autóctonas, coas que compiten e ás que desprazan.

Nas terras do Deza empezan a verse ambas as especies en demasiados lugares, acadando xa ese punto de inflexión ante o cal, a non adopción de decisións urxentes converteraas nun problema ambiental e económico en moi poucos anos. Todas as estratexias fracasaron (Cantabria, Golfo Ártabro, Baixo Miño,…) porque chegaron tarde. Os concellos da comarca e a súa Deputación (e no seu caso a concesionaria da autoestrada) están a tempo de aplicar un sinxelo plan de loita contra a cortaderia e as novas masas de acacia que proliferan xa nos nosos montes e que gaña terreo especialmente despois dun incendio forestal. En cinco anos será tarde.

Outra cousa son as especies invasoras que o foron no seu día, e que hoxe están naturalizadas por intereses económicos, como o eucalipto; aquí pouco máis queda que pedir responsabilidade aos propietarios e, á vez, esixir un cumprimento estrito da normativa… e non se está facendo. Na pasada lexislatura municipal consolidáronse polo menos media ducia de plantacións de eucalipto en zona prohibida: áreas protexidas polas marxes do Camiño de Santiago (tanto do Sanabrés como do de Inverno). Outro tanto está a ocorrer en parcelas obxecto de concentración

parcelaria. \elpluralizable