En liberdade con cargos o camioneiro que arroiou mortalmente ao exedil de Agolada

La Voz

DEZA

Garda Civil

Esta mañá pasou a disposición xudicial en Lalín

19 novs 2020 . Actualizado ás 14:47 h.

O veciño lalinense de 49 anos detido este mércores como presunto autor do atropelo mortal dun exedil do PP de Agolada, Alberto Vilariño, cando circulaba en bicicleta pola N-640 este pasdo martes, prestou esta mañá declaración no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Lalín. Á súa conclusión a xuíza que leva o caso decretou a súa liberdade con cargos. O detido está investigado por un posible delito de homicidio por imprudencia e omisión do deber de socorro. Ademais, retíraselle o carné de conducir durante seis meses, salvo decisión en sentido contrario antes de concluír ese prazo. O aviso á Garda Civil por parte da empresa para a que traballa, Frigodeza, da aparición dun camión da súa flota de repartición cun golpe na defensa levou aos investigadores a deter a este condutor na mañá de onte.

O funeral e enterro do exconcelleiro Alberto Vilariño será hoxe, ás 17.00 horas, na igrexa parroquial de Esperante (Agolada). Séguense producindo mostras de pesar polo seu falecemento entre a clase política dezana e outros colectivos, en especial da cultura e o deporte, xa que durante dous mandatos, entre o 2011 e o 2019, levou a xestión municipal desas dúas áreas dentro do grupo de goberno.