A vendas de turismos caeron de forma drástica na zona en agosto

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

ANGEL MANSO

Só se matricularon 62 coches ese mes, polos 96 de xullo

20 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os incentivos das Administracións para a renovación do parque de vehículos, as ofertas agresivas dos concesionarios e as marcas para paliar a caída de vendas durante o estado de alarma parecían convencer potenciais compradores. Pero tras subir en Deza e Tabeirós-Terra de Montes as matriculacións de turismos durante xullo -o primeiro mes completo desde que se levantou o confinamento- a situación volveu a virar, cun agosto onde houbo un descenso drástico. Tan só foron 62 os coches matriculados nas comarcas o mes pasado, segundo os datos que acaba de facer públicos o Instituto Galego de Estatística (IGE), cando en xullo se acadaron os 96.

En Deza contabilizáronse 35 matriculacións de turismos en agosto, polas 27 de Tabeirós-Terra de Montes, cando en xullo foran 57 e 39 respectivamente. Por municipios, o mes pasado foi na Estrada onde máis coches se incorporaron ao mercado, con 21 e lonxe dos 32 previos, mentres que en Lalín foron 19, polos 27 de xullo. En Cerdedo-Cotobade quedaron en 6, polos 7 previos e en Silleda foron só 4 en agosto, cando se acadaron os 14 en xullo, ,chegouse a 3 en Vila de Cruces fronte aos 9 previos. Tamén 3 de matricularon en Agolada, con 4 no mes anterior, así como en Dozón, subindo de 2 en xullo, e en Rodeiro, onde trinta días antes só fora un. Pola súa banda Forcarei non rexistrou ningunha matriculación en agosto fronte a 5 en xullo.

En canto a camións e furgonetas, tamén houbo descenso en agosto respecto de xullo respecto das matriculacións nas comarcas, aínda que neste caso a caída resultou máis suave. Se en xullo se acadaron 13 deste tipo de vehículos, o mes pasado quedaron 11, delas 10 en Deza e só 1 en Tabeirós-Terra de Montes. Por municipios, 5 camións ou furgonetas matriculáronse en Lalín, 4 en Silleda, 1 en Vila de Cruces e 1 na Estrada. Por contra non houbo ningún autobús novo no mercado o mes pasado, cando foron 3 en xullo, 2 en Lalín e 1 en Silleda.

Respecto das motocicletas, matriculáronse 6 en agosto, todas en Deza, mentres só se contabilizou un tractor industrial, en Tabeirós. A estatística tamén recolle que non houbo ningún ciclomotor con placas novas na zona, aínda que si 8 remolques ou semirremolques, 4 en Deza e outros tantos en Tabeirós-Terra de Montes.