O BNG de Silleda pide a gratuidade das piscinas municipais este verán

j. p. / j. b. LALÍN/ LA VOZ

DEZA

Cedida

07 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ante a situación causada pola crise sanitaria, o BNG de Silleda solicita o acceso gratuíto ás piscinas do municipio. Defenden que debido aos rebrotes de covid-19 que se están producindo, é probable que a mobilidade da poboación volva restrinxirse. Isto deixaría ás piscinas como única alternativa para refrescarse durante o verán, pois ríos e praias quedarían descartados.

A este argumento suman a difícil situación económica pola que están a pasar un gran número de familias, ademais da incerteza de cara ao futuro. Explican que a actual decisión de non ofrecer bonos-piscina e cobrar un euro por servizo resulta un gasto excesivo. Segundo este método, unha familia de catro membros tería que pagar 60 euros en quince días de uso, cando o ano pasado cun bono de 44 euros tiña totalmente cubertos os meses estivais.

Doutra banda, a formación nacionalista tamén propón incrementar as medidas de seguridade, suxerindo que ademais das decisións xa tomadas respecto dos espazos privados aplíquense solucións similares aos públicos. Así, propoñen que non se permita o acceso con calzado ao recinto das piscinas, ademais da instalación dunha alfombra desinfectante para adoites de zapatos e un espazo na entrada para depositalos.