Os institutos articulan medidas para evitar colas nas matrículas

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

O Laxeiro deseñou un programa propio para realizalas de forma telemática

05 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os institutos están estes días en pleno proceso de matriculación e a pandemia fixo que algúns haxan ir un paso máis aló deseñando unha aplicación que permita ás familias e aos estudantes realizar os procesos de forma totalmente telemática. É o caso do instituto Laxeiro de Lalín. O xefe de estudos do centro comenta que «temos todas as matrículas en liña». Seguindo os procesos e as datas que marca a Consellería de Educación este centro deseñou unha aplicación propia que permite aos estudantes dos cursos da ESO e os BAC matricularse a través de Internet.

O pasado día 1 abriuse o prazo de matrícula para a ESO e BAC e o sistema está a funcionar. A utilización desta aplicación evita as colas habituais outros anos. Se outros cursos por estas datas, indican no instituto, «podiamos ter ata 40 persoas agardando» agora a secretaría está case baleira evitando aglomeracións nestes tempos do covid-19.

O proceso é sinxelo para os que xa son estudantes do centro e un pouco máis engorroso para os que chegan de novo. Neste caso han de presentar unha serie un certificado de cualificacións, fotocopia do DNI e do cartón sanitario e asinar, por exemplo, a autorización para saír en fotos ou vídeos. No Laxeiro comentan que algúns pais acoden ao centro para pedir axuda co proceso e con algunha cuestión .

No IES Pintor Colmeiro de Silleda explican no instituto «lles damos as dúas opcións» e as familias poden realizar o proceso de forma presencial ou optar pola matriculación telemática. Para esta última fórmula, o centro deseñou tamén documentación específica e pódense facer todos os procesos, excepto o pagamento do seguro escolar que se apraza ao mes de setembro, coa incorporación dos estudantes ás aulas no novo curso académico. No Colmeiro contéstase ás familias por correo electrónico.

Outros optan pola matriculación presencial pero adoptando diferentes medidas para evitar aglomeracións. Na maioría decantáronse por establecer quendas por cursos fixando días diferentes para conseguir unha matriculación graduada e sen aglomeracións. É o caso do IES Marco do Camballón e do Pintor Colmeiro no que «poñense días e horas para repartirse. Cada curso ten unhas horas», apuntan. No Chano Piñeiro de Forcarei e no Ramón Aller de Lalín tamén se realizan os trámites de forma presencial. No Aller indican que os primeiros días houbo bastante xente. No Losada Diéguez realízase así mesmo de forma presencial e sen colas. No Número 1 estradense os estudantes aproveitan a matriculación tamén para entregar os libros. No García Barros as familias imprimen en casa desde a páxina web do centro toda a documentación e as solicitudes necesarias e só teñen que entregala cuberta no centro simplificando o trámite e recortando o tempo en secretaria. Unha fórmula que se utiliza tamén noutros centros da zona.

Un método que tamén aplican outros como o Antón Losada Diéguez tamén na Estrada. Aos que van para primeiro da ESO chámanos por teléfono para informarlles do proceso.

No García Barros establecéronse días por curso desde o 1 ao 10 de xullo para BAC e ESO, pero ademais as familias teñen que pedir cita por teléfono a fin de fixar a hora na que poden pasar polo instituto.

Movemento na solicitude de prazas nos ciclos formativos e unha nova oferta no Aller Ulloa

Estes días permanece tamén aberto o prazo de solicitude de admisión para os ciclos formativos de Formación Profesional. Unha tramitación que, neste caso, xa se realiza totalmente de forma telemática. Os datos recólleos directamente a Consellería de Educación pero os institutos están moi atentos días a día á evolución. En xeral comentan que as peticións se están movendo aínda que a demanda é, como en anos anteriores, diferente en función de cada ciclo formativo.

No Pintor Colmeiro de Silleda, o ciclo de actividades deportivas non medio natural continúa sendo a estrela á hora de contar con adeptos. Todos os cursos quedan alumnos fose e sen praza. Estes días xa se contabilizaban preto de corenta, mentres que para o de vendas comerciais, apuntaban, «precisamos que se matricule xente». En Vila de Cruces o ciclo que está a ter máis tirón no IES Marco do Camballón é o sanitario de dependencia. No Losada Diéguez da Estrada que estreará ciclo din que se está notando bastante movemento.

No IES Aller de Lalín botan en falta que non se publicitase o novo ciclo superior que terán novo o curso próximo de Admisión e Sistemas Informáticos en Rede. De momento hai catro peticións, a metade do mínimo; catro para o de Sistemas microinformáticos e redes e seis para o de Desenvolvemento de páxinas web. Os prazos para solicitar admisión nos ciclos acaba o día 8, ás 13.00 horas. Un prazo inamovible.

Unha decena de alumnos da ESO quedaron sen prazo no Laxeiro

Unha decena de estudantes quedaron sen praza para algún dos cursos do IES Laxeiro de Lalín. No instituto apuntan que contan con 21 prazas e tiveron 40 solicitudes. Finalmente puideron dar cabida a uns 26, pero aínda así quedou fóra ao redor dunha decena. Agora, explican, será o inspector o que decida a que centro da zona adscríbese a cada un dos estudantes. En Lalín os institutos están incrementando a demanda en parte pola marcha de estudantes do colexio Sacro Corazón. Nos centros estes días aínda se están recollendo libros e entregando ordenadores e material. No García Barros o ANPA estivo recollendo os libros do fondo solidario.